PAÍS de Kafka: pesa tanto o exterior que o interior, a túa alma e a miña, deixaron de ter sentido. Cada vez menos abrazos, menos bicos, menos despedidas. A xente non se despide porque xa nunca pensa volver: á patria do corazón. A xente non celebra que vive. Nin celebramos a primavera a non ser que a primavera sexa un gran almacén onde comprar zapatos (para pisar). Non celebramos que hoxe amenceu con paxaros cantores, con mío Barça nas entrañas, e con moitas palabras lindas na boca: bolboreta, morriña, vagalume, ledicia. Son as túas, as miñas. En galego. Porque Galicia, pese a tanto, ten máis prestixio que o Prestige. Somos luz, futuro, vida. Hoxe levanteime para abrazarte porque non te abrazaba, para bicarte porque esquecín bicar, para dicir que cada vez que esquecín un quérote era polas présas, e a tensión, e por este mundo tan gris que todo o emputece. Hoxe levanteime medio maio, para que me leas. Para que pegues esta columna nas paredes. E para que de sol a sol saian flores que poñas no teu pelo. Porque quería dicirche quérote hoxe que apenas falan de ti, lingua miña. Quérote despois do dezasete de maio. E no inverno, cando o frío nos separa. Porque ti non morrerás. Non morrerás nunca... meu amor.