O DEPARTAMENTO de Interior da Generalitat, que dirixe a socialista Montserrat Tura , segue adiante co seu proxecto de legalizar a prostitución en Cataluña sen ter en conta para nada o rexeitamento do Goberno central que, a través dun informe oficial do Instituto da Muller, dependente do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, cualificou a prostitución de «práctica degradante incompatible cos valores dunha sociedade democrática». A última novidade do proxecto catalán son as «casas autoxestionadas» por prostitutas e o fomento das cooperativas de «traballadoras sexuais» para que podan alugar locais nos que exercer o seu oficio... e deixar de exercelo na rúa, que parece ser a finalidade última do proxecto: «limpar» a cidade, retirar da vista dos cidadáns a esas mulleres que ninguén, por moito que falen da dignidade do seu traballo, querería ter na súa familia nin sequera na súa vecindade. Non se trata de erradicar a explotación das mulleres, trátase de que non sexan vistas en espazos públicos, rúas ou estradas. O máis irritante do asunto é a hipocrisía e o fariseísmo do proxecto. O Informe do Instituto da Muller é categórico: só un 5% das mulleres que exercen a prostitución en España o fan de maneira voluntaria . E dese 95% que chegou a ser puta por necesidade ou por coacción, o 90% son inmigrantes sen papeis. Montserrat Tura, cando lle preguntaron nunha entrevista que opinaba sobre o informe do Instituto da Muller, responden que non o lera. Nen sequera matizou con un «aínda non». O informe sinalaba que o proxecto catalán invade competencias estatais e é contrario a varias normas vixentes e a dous tratados internacionais, ademais permite a estranxeiros indocumentados exercer a prostitución, o que sen dúbida incitará a mulleres inmigrantes sen papeis a dedicarse a ela. Pero aos políticos da nación catalana parece que isto non lles importa. Para rematar de maquillar o proxecto poden propoñer un Máster en Prostitución na Autónoma de Barcelona.