EN IRÁN andan incomodados con Condoleezza Rice porque desprezou publicamente esa estraña carta que lle enviou o presidente Ahmadinezhad ao presidente Bush, do seu puño e letra. O da Rice foi, certo, como o xesto de quen colle a carta e a estraga na man antes de botala na papeleira ou fai con ela un avionciño de papel. Tamén eu penso que fixo mal, pero non porque a misiva fose moi interesante (lina en Internet: tenra e inquietante, unha colección naïf de boas intencións envoltas na linguaxe dos místicos e os tolos, a redacción escolar dun fanático). Non, creo que fixo mal a Rice por outra razón: porque Ahmadinezhad debe ser xa a última persoa neste mundo que se toma a molestia de escribir unha carta e mandala, e iso merece un respecto. Eu mesmo non lembro xa a última carta que escribín nin a última que recibín. O e-mail acabou con todo iso, e o que foi ata un xénero literario, o xénero epistolar, xa só se preserva xa nos bancos, que son os únicos que nos escriben con regularidade. Ou, máis exactamente, son os seus ordenadores, que se dirixen a nós torpemente, cheos de dúbidas, sen saber se chamarnos Sr./Sra., estimado/a, amigo/a e nos falan a todos a un tempo, como se estivesen pronunciando un discurso. Mesmo a imaxe destes días da policía tomando ao asalto as sedes de Fórum Filatélico parece como a liquidación final de todo un mundo. Acabáronse as cartas e o seu lugar ocúpao xa, como diciamos, o correo electrónico, ese intercambio reticente de recados de catro liñas que seguimos chamando comunicación por hábito. O único que se senta aínda a redactar cartas, pois, é este Ahmadinezhad, que lle escribe ao presidente dos Estados Unidos como se escribise unha carta ao director , como un lector indignado que pide explicacións e esixe rectificacións. Quizais é así, e o mundo non é senón un gran diario que o presidente norteamericano dirixe desde a súa mesa de redacción na Casa Branca. Mais daquela, Ahmadinezhad engánase, como se enganan algúns lectores ás veces, ao crer que son os xornalistas quen fan a realidade, cando é a realidade a que fai o xornal e o xornalista pouco máis fai que tratar organizala e darlle un titular. Mesmo o lector que manda a carta ao director non se decata, moitas veces, de que el xa está aí tamén coa súa carta, facendo parte da realidade. Esa realidade que nin Ahmadinezhad nin Bush poden nin saben controlar tanto como pensamos nós e como pensan eles.