A memoria na Arxentina

| XAVIER ALCALÁ |

OPINIÓN

NO ANO da Memoria, velaí a Arxentina inmensa, onde fenece a lembranza de infinitos españois desde La Quiaca a Ushuaia, desde as selvas tropicais ao xeo patagónico. No medio, Buenos Aires, sumidoiro de historias, emerxendo sobre o mar de auga doce, castaña-carnosa, do río da Prata. Os rañaceos concéntranse nun punto e o demais nin aparece, porque é baixiño, a penas un par de pisos sobre a pampa. O monumento ao centralismo do impaís federal é o mellor sitio do mundo para a xente se ocultar na masa. Mírese o formigueo veloz do pobo que se cruza en Constitución. Nesa estación ferroviaria xorden todas as castes e as mesturas, cadaquén é o que é sen importar a ninguén quen sexa. Nunha conversa de restaurante en San Telmo rememórase a masa, a disolución da persoa no Gran Buenos Aires, e explícase polo que emigraron para alá moitos galegos: para que non os coñecesen e, así, lles deixasen vivir en paz. Fuxían dun grave delito, a disidencia relixiosa. En España só se podía ser español sendo católico, apostólico e romano... Eran galegos. Sabían de morriña, saíran de Vigo entre montes con casiñas a salientar ver e chegaban a unha chaira na que nada se distinguía. Abandonaban a terra que nunca poderían esquecer para que os esquecesen quen os trataban como a tiñosos. Deixaban vivendas con boas vistas e metíanse en conventillos cegos, con porta a unha rúa repetida, igual ás demais. Pero nesas rúas ninguén os marcaba co dedo, e mesmo podían predicar a súa fe abertamente. Nunca, nin no peor das ditaduras que se sucederon, os protestantes galegos foron molestados na terra a onde se exiliaran pola súa condición. Iso foi o que gañaron perdéndose na masa, o bálsamo para a ferida aberta ao emigraren. Pero a masa é fea; cadaquén trouxo consigo memorias de xente, de lugares polos que vaga a propia ausencia, e ao final da vida vén a saudade, cunha confesión: a Arxentina esgota os espíritos coa súa eterna crise. Se cadra non pagou a pena vir.