A autonomía que viña

OPINIÓN

Proposto pola maioritaria UCD, Antonio Rosón foi ratificado como presidente da Xunta de Galicia preautonómica, que botou a andar unha semana despois. No ano que estivo no cargo soubo xuntar no seu equipo a políticos provenientes do franquismo con outros sen vinculación ningunha co Réxime, pero tamén foi quen de chegar a un certo entendemento coa oposición.

10 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

O 18 de abril de 1978, Antonio Rosón foi presentado como presidente da Xunta preautonómica de Galicia. A foto, nesa confusión de micrófonos, autoridades e xornalistas, é unha alegoría da época. En primeiro plano: o ministro Clavero Arévalo autorizando a Autonomía, Rosón facendo a súa declaración entre a plana da UCD de Galicia (Meilán Gil flanquéao pola dereita); en segundo plano a autoridade militar olla ao ceo entre o desinterese, a resignación e a preocupación. Os xornalistas, por todas partes como a paisaxe, eran os auténticos fiscalizadores e construtores dunha opinión pública esixente, na época en que todo se sabía e se publicaba. Máis un detalle: a raia diplomática do traxe de Rosón, moi anticuada naquela altura, pero que hoxe fai furor entre quen sabe estar ao día. ¡O que son as modas! Interesa lembrar hoxe que aquela Xunta preautonómica se instaurou nove meses antes da aprobación da Constitución, por decreto-lei de 16 de marzo de 1978, á vez do Consejo General Vasco e seguindo os pasos da restauración da Generalitat en outubro de 1977. A fórmula preautonómica servira á UCD para dar satisfacción, sen agardar á aprobación da Constitución, ás urxentes aspiracións das tres nacións do Estado que lograran un réxime autonómico na Segunda República. Menos fortes en Galicia que en Cataluña ou Euskadi, esas aspiracións estaban non obstante presentes, a través de Paz Andrade, na comisión negociadora da oposición co Goberno Suárez e, sobre todo, nas mobilizacións políticas do nacionalismo e da esquerda do período, das que destacan as grandes manifestacións a prol da autonomía do 4 de decembro de 1977, presididas polos parlamentarios da UCD. Coa Xunta preautonómica recoñecíanse uns dereitos previos, que eran históricos daquela en relación coa República como o son hoxe en relación coa transición. É significativo que a única legalidade na que a actual Constitución democrática enlaza explicitamente coa da democracia republicana é precisamente a que se refire ás tres autonomías históricas. En Cataluña o presidente foi Tarradellas, o da Generalitat no exilio. En Euskadi foino Leizaola, cabeza do Goberno vasco no exilio. Aquí a ruptura do franquismo foi de tal envergadura que ninguén soubo nin quixo reclamar a Antón Alonso Ríos, presidente do Consello de Galiza creado no exilio de Bos Aires, como lexítimo representante. Sobraban herdeiros dispostos para tan magras partillas. Antonio Rosón Pérez (Becerreá, 1911- Santiago, 1986) representaba o contrario de Leizaola e Tarradellas. O seu coñecido falanxismo dos primeiros tempos do réxime, os cargos políticos que ocupara dende 1946 e as súas actuacións ao longo da ditadura foran aireados daquela por publicacións como Teima, Interviú ou La Voz. A súa traxectoria era ben coñecida e a memoria oral tan viva que non precisaba recuperarse, senón esquecerse. Hoxe, vinte e oito anos despois, as cousas vense diferentes, pero naquel intre de cambio o seu pasado non era importante. Tíñao coma Carrillo, coma tantos. Aquela sociedade só entendía de presente e de futuro, quería esquecer e esqueceu. Rosón exerceu con tanto empeño galeguista o seu mandato que logrou que o Día da Patria Galega daquel ano a oposición (incluídos PCG e POG), agás o BN-PG, acudira ao Obradoiro baixo a súa presidencia. Foi a coherencia no desempeño do seu cargo a que levou á súa substitución a mediados de 1979, no marco dos conflitos xerados pola redacción do Estatuto, ao aliñarse claramente no sector máis rexionalista da UCD. Aínda sería presidente do Parlamento galego en 1981 e 1985. Naqueles días da transición as mudanzas ían tan rápidas que ás veces todo ficaba no mesmo sitio. A UCD de Rosón foi capaz de representar o vello e o novo á perfección: a metade dos seus cargos electos eran novos, sen compromiso político co franquismo e a outra metade, vellos cargos do Réxime en deputacións, ministerios, sindicatos verticais ou irmandades... O empeño en esquecer o pasado conxugábase milimetricamente co de lograr que o pasado superase sen fisuras o Rubicón da democracia que viña.