Oh, Magdalena

La Voz

OPINIÓN

XOSÉ CARLOS CANEIRO

05 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

ESCOITEI pronunciar a Magdalena Álvarez unha frase brillantísima en torno á corrupción marbellí. Viña a dicir, en oratoria prístina: «Onde hai tentación reside o perigo». É unha reflexión moral de índole católica: a relixión que nos aprende a poñer a outra meixela, amar ao próximo como a nós mesmos e, incluso, esperar unha vida mellor na eternidade. Coñezo individuos que cambiarían todo por posuír fe, simplemente. A fe move montañas e move os corazóns. Talvez o corazón sexa tamén unha montaña que precisa fe para emocionar, crecer, xustificarse. A ministra vén a Galicia, pasa por/de Galicia, pronuncia as palabras que queremos oír e fainos crer que somos parte dun versículo bíblico: precisamos fe. Fe para crer no seu mi(ni)sterio, ou sexa, que creamos no Ave como en nós mesmos e que consideremos a súa xestión política un auto sacramental. Creo que España no da para tanto. Que cos millóns andaluces, o Estatut e o rei Midas en León... para nós, galegos, han de quedar os restos. É unha intuición. Claro que a señora ministra non ve en Galicia ningún perigo. Debe pensar que a nosa a única tentación é poñer a outra meixela. E seguir amándoa, a ela, como a nós mesmos. De aquí a la eternidad, oh, Magdalena.