O teatro e as causas xustas


O ÚLTIMO venres, no salón nobre do Colexio de Fonseca da Universidade compostelá, a Real Academia Galega montou a recepción como académico de número do noso vello amigo Euloxio Ruibal.Sorprendeu a cantidade de xente que abarrotou o salón, algunha houbo de sentarse nas escaleiras ou permanecer en pé nas case dúas horas que durou o acto ¿Que foi o que promoveu tanto interés? Euloxio Ruibal ten moitos amigos que o queren e o admiran, mais coido que entre estes e os familiares non enchían o salón, e sería bo que estivese completo por xente interesada no tema sobre o que ía falar Euloxio, porque aínda que non nos podemos queixar da cantidade de grupos teatrais que hai e dos montaxes que fan, o certo é que das tripas do teatro fálase pouco, e da súa historia menos, e aínda menos do seu significado. E isto é do que Euloxio nos dou unha lección na case hora e media que durou o seu discurso. Logo de recordarnos a súa procedencia das terras montesías de Ordes, e de recordar a Antonio Meijide Pardo, a quen pertencía a cátedra que agora ocupa Euloxio, adicoulle un longo tempo a relatar a súa importante obra como investigador histórico, que moitos admiramos e algúns nos temos beneficiado dela. En efecto, a historiografía de Meijide Pardo era ben merecente das gabanzas que Euloxio fixo dela. Meijide Pardo era un santo varón, de unha proverbial modestia e ánimo, manifestado, de non molestar, e estou dándome conta de que está necesitado dunha monografía. Comprendo a satisfacción de Euloxio de herdar a súa cátedra. Logo de escoitar o discurso de Euloxio Ruibal, o primeiro que sorprende é que este home está informado de verdade sobre a historia do teatro, e sobre todo, das condicións que moldearon o significado en cada tempo. Axiña chega a Bauhaus para entender a irmandade interartística no teatro, e pasa pola imaxe fílmica, e ve o cine experimental (Ruttman, etcétera) e o cine de vangarda (Buñuel, Dalí, Vertov, Man Ray), e cine de artista (Andy Warhol e cine pop). Toca a os dadaístas e observa a corrente surrealista no cine (teño que ir a saltos). Fala da experimentación teatral; que non deben primar criterios mercantís, e que o cultural ten que ir por diante do industrial. Fala da «arte do home novo», da nova sociedade, mais ve na Unión Soviética as diferentes concepcións do medio: Malevich, Eisenstein, Meyerhold. A Erwin Piscator interésalle máis a propagación de ideas marxistas e a denuncia que a arte en si mesma. Observa a un Brecht nietzschano. O fascismo polos anos trinta espállase a medio mundo e deixa só cinzas. A arte pola arte... e propón a arte polo home. E chega a América e rexistra a Tenesse Williams, Arthur Miller, o anterior O¿Neill. Van así estes nomes salteados só por marcar pasos por onde deixou pegadas este dramaturgo nas primeiras dez follas do seu discurso, que alcanza as corenta follas. Mais dunha vez Euloxio cita o nome e a obra de Luis Seoane en relación con algúns destes movementos e como introdutor do método proposto por Brecht. O discurso de Ruibal nos fala da necesidade de crear un teatro e un filme galegos a nivel do noso tempo, cunha amplia información e con debates (eu dígome que en efecto isto é así, e que algo nos falla). Se poderían ir sentando as bases para a creación do teatro que necesitamos cos nosos problemas, que son máis importantes que en ningún outro sector do ruedo ibérico no que nos pelexamos. Sen pechar os ollos e os ouvidos á realidade. Porque o teatro ten que ser algo máis que un espectáculo, como reza o lema do proscenio do Teatro Real de Copenhague: «Non só por pracer».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

O teatro e as causas xustas