Unha nova Real Academia Galega

XOSÉ RAMÓN BARREIRO

OPINIÓN

OS REIS INAUGURAN A SEDE DA RAG O 22 de marzo de 1979 os Reis de España inauguraron a nova sede da Real Academia Galega, poñendo fin a setenta e tres anos de itinerancia institucional. A RAG pasou varios anos nun piso alugado na rúa Rego de Auga ata que o Concello da Coruña, no ano 1919, destinou no andar superior do pazo municipal un espazo para acoller a nosa institución.

22 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

Baixo a presidencia de Sebastián Martínez Risco, unha das máis eficaces na historia da Real Academia Galega, e contando co apoio de Julio Rodríguez Yordi e Ángel del Castillo, logrouse a doazón do pazo no que vivira Emilia Pardo Bazán. Protagonizaron a doazón, o 4 de maio de 1956, Blanca Quiroga Pardo Bazán, marquesa viúva de Cavalcanti, que non tiña descendencia, e Manuela Esteban Collantes, condesa de Torre de Cela, e viúva do fillo de Emilia, Jaime Quiroga Pardo Bazán. Tampouco tiña descendencia porque o seu fillo único fora asasinado en Madrid xunto co seu pai durante a Guerra Civil. A única condición posta na doazón foi a de dedicar a primeira planta do edificio a honrar e perpetuar a figura de Emilia Pardo Bazán a través dun museo dedicado á escritora. Entre a doazón e a inauguración da casa transcorreron varios anos debido á imposibilidade da Real Academia Galega para acometer as necesarias obras de restauración e acondicionamento. Foi entón cando Sebastián Martínez Risco, amparado no afecto que Manuel Fraga lle profesaba, xa que fora o seu discípulo no Instituto de Vilalba, solicitou deste a súa mediación para conseguir o capital necesario para realizar as obras. Fraga, co seu habitual entusiasmo, e parece ser que só utilizando o teléfono, mobilizou dende o seu ministerio ás deputacións provinciais, ó Banco de España, ó Banco do Noroeste, ó Banco Bilbao e á Federación das Caixas de Aforros. Outras institucións como a Fundación Pedro Barrié de la Maza non precisaron ser mobilizadas porque dende o primeiro momento colaboraran economicamente, o mesmo que o patricio galego Álvaro Gil. Foi así como se realizou a obra de restauración e acondicionamento baixo a dirección e proxecto de Andrés Fernández-Albalat, xenerosamente executada. Hoxe a Real Academia Galega segue instalada no mesmo edificio. Co apoio da Deputación Provincial da Coruña restaurouse totalmente a primeira planta, que alberga a Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, onde se desenvolve unha actividade moi intensa, da que cómpre salientar a organización anual dun simposio sobre temas pardobazanianos, baixo a dirección do catedrático da Universidade de Santiago de Compostela José Manuel González Herrán, a publicación da revista La Tribuna. Cadernos de Estudos da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, que dirixe o catedrático da Universidade da Coruña José María Paz Gago; ou a recuperación das veladas literarias nos xoves da rúa tabernas, que cada quince días reúne un faladoiro literario moi concorrido e dirixido pola guardesa do Museo, Xulia Santiso Rolán. O resto do edificio acolle a magnífica biblioteca, un extraordinario arquivo documental, o arquivo fotográfico ?un dos mellor organizados de Galicia?, as oficinas e o salón de actos. O edificio precisa unha nova remodelación integral para optimizar o limitado espazo, ampliando as salas de investigadores, reformando o salón de actos, etcétera. Soñei que, con motivo do centenario que estamos a celebrar, poderiamos acometer estes e outros proxectos. Esquecinme de que unha institución que non naceu do poder público e que mantén un rabiosa independencia nunca poderá ser xustamente tratada. Pero así seguiremos pensando que nihil violentum perdura, é dicir, que nunca choveu que non escampara.