COMO unha canción de Amaral: Si pienso en ti siento que esta vida no es justa . Como un feminino singular que repito para que marchen os malos presaxios, as feridas sen porqué, os días sen fin de semana. Digo nai, patria de bicos, bandeira de futuro. Como un réquiem de noticiario que repite necrolóxicas incesantes: unha muller maltratada, asasinada, violada, pisoteada por canalla machote malbebido. Digo, a nove de marzo, que a muller traballadora vive tamén neste día despois, esta resaca de olvido. Como unha mirada que salva, uns ollos grandes que prometen Itaca ou un barco sen destino que se derrama en abrazos e noites de gin lemon. Como noites con sol. Como se quixese gritar e só saíse da miña boca un nome de muller, un amiga, amor, todo, un non te rindas. Como se hoxe fose oito de marzo, día internacional da muller traballadora. Un para sempre, un vuelva usted mañana, un aquí te quedas muller sen demagoxia. Libre ti, en feminino. Libre, e orgullosa, altiva. A nove menos un de marzo. En clave ciencia ficción. Como se puidésemos vivir sempre contigo no centro do mundo. Como se este xoves fose, outra vez, mércores oito de marzo. Como unha canción: Si pienso en ti siento que esta vida no es justa. Amén.