Un trosma

| SANDRA FAGINAS | FALAR.BEN@LAVOZ.ES

OPINIÓN

PARA os que son espelidos, hai un tipo de persoas que os poñen especialmente nerviosos, inquedos, que lles fan aumentar a ansiedade: os trosmas. Que estás esperando para pagar na cola das rebaixas, tócache xusto antes a típica trosma á que lle caen as moedas ao chan, á que non atopa o tícket de cambio no seu bolso, ou a que deixou no probador a prenda que quería mercar. A piques de aparcar nun bo sitio, está ese trosma que tarda media hora en manobrar o coche mentres se forma unha cola detrás túa. Ou o trosma que non dá sacado a súa tarxeta de crédito no pago da autoestrada (¡para que se mete no carril de tarxetas!). Ou todos eses que tropezan contigo pola rúa e que camiñan como paspáns, como papaleisóns, como pasmóns, como papóns... porque todos eses no fondo son trosmas. Resulta moi útil para todos os galegofalantes o emprego da palabra trosma e, en realidade, non é fácil buscar unha tradución a outro idioma. Un trosma, segundo o dicionario, é aquela 'persoa lenta, pesada e pouco esperta', un prosma, un prosmeiro, pero no uso cotián enténdese tamén que un trosma é alguén que se atrapalla aínda que os seus movementos sexan rápidos. Non é necesariamente a lentitude unha condición do trosma, polo menos, do trosma que abunda na lingua común. A súa característica principal é o despiste, a torpeza en calquera das súas manifestacións, que converten ao trosma nun ser entrañable, de aí a connotación positiva, mesmo cariñosa deste substantivo (¡Que trosmiña é!, ¡Vaia trosma que estás feito!). Todos os trosmas alteran a vida dos inquedos, dos espelidos, pero para trosmas aqueles que son torpes por dentro; nada peor que un trosma que non te segue a conversa, que non ve aquilo que ti viras con moita antelación, que non se dá conta do que hai. Nada peor que os trosmas que non se decatan de que o son.