DINAMARCA e Noruega, dous países europeos cooperadores co terceiro mundo, respetuosos coas libertades e comprensivos coas diferenzas culturais, están no ollo do furacán fundamentalista. Na capital de Noruega, en Oslo, foi onde se asinaron hai 15 anos os acordos da esperanza entre Israel e os palestinos que nunca se cumpriron. Seguro que non son as primeiras representacións, seguro que hai máis viñetas na rede ou noutros xornais. ¿Por que estas, por que agora? Por que destes países? O problema non é Mahoma senón a bulra, como di o profesor Montabez. No momento en que están queimando embaixadas polo asunto das viñetas ofensivas proxectan Munich , a última película de Spielberg. Longa e aburrida, demostra non entanto como de diferentes son os nosos valores. Rexéitana os sioinistas radicais por ser comprensiva cos palestinos. O director deféndea decindo que é unha película sobre os custes humanos do conflicto. En realidade, o que nos conta xa o temos mui aprendido en Europa. Que a violencia enxendra máis violencia: as guerras civiles europeas do século XX, continuadas polo terrorismo dos anos sesenta e setenta xa nolo demostraron. Que os asesinos son xente normal con familias e historias persoais: sabiámolo tamén por experiencia e aínda nolo lembraron nos Balcáns hai pouco. Matar é tan malo que causa remorsos por mui xusta que sexa a causa, mesmo aínda que sexa a do pobo elixido, entre os elexidos. E, por cabo: os asasinos -todos- adoitan morrer en circunstancias tráxicas. Non sei se esta mensaxe dille algo aos musulmáns pero dille mui pouco aos europeos. Sen embargo seguro que na óptica norteamericana ten muito sentido, mesmo é unha película valente dende o punto de vista dun xudeu estadounidense. Porque quen detenta o monopolio da violencia enténdese como moralmente superior e Spielberg pon en dúbida esa superioridade. Mais para transmitir estes valores, Spielberg usa unha linguaxe que non oculta as súas dificultades para comprender ao bando palestino ou dicir algo novo e atractivo aos europeos. As libertades, e dentro delas a de expresión, son seguramente o principal valor da cultura occidental europea, como se está a ver nestes días. A Ilustración e centos de anos de loitas polo progreso social e material situárona onde está. Pero non é un valor universal, a pesar desa poderosa globalización económica que unifica mercados e hábitos de consumo. Niso de difundir valores, foron ben máis potentes a Revolución Francesa (1789) ou a Revolución Rusa (1917). Que Hamás utilice o pucho de béisbol americano -coa cor verde do islam- non significa máis que tamén teñen expertos en mercadotecnia electoral sabedores das vantaxes desa novidosa e calculada opción, fronte ao vello pano palestino de Arafat. Asombroso, o mundo de hoxe, canto máis unido está polo mercado máis desunido está pola cultura. Por se non abondaba o asunto das viñetas, a película de Spielberg demóstrao tamén.