ESTÁN no periódico, ou na Internet, nas mesas de bar en que se perden centos de ollos buscando abrazos. Algúns piden relacións serias, estes un «contacto», aqueles unha caricia que non leve vinagre. O ser humano é un ser en compañía. Ou sexa, que necesitamos que alguén estea ao outro lado, aínda que o outro lado sexa un teléfono, un amor imposible, un gato, un soño, un gin-tonic con sabor a limón, chamémolo ti, ela, el. A primeira persoa cansa. O pronome reflexivo aburre. Un ser namorado é máis útil que a lei antitabaco, a Dirección Xeral de Tráfico e a policía nacional. O amor conserva limpa as cidades, non contamina, e coloca a Fofó na cara amarga dos políticos. Touriño parece un home namorado: ten sorriso de reiseñor, vive en medio de maio. Gústame este presidente alegre, incluso cando se pon circunstancial: en plan presidente, digo. Fraga perdeu o amor no medio dun libro de Dereito, por iso meteu o Estado na cabeza: era a súa Eva. Fraga puxo triste ao país, e un país triste (con empanada ou sen ela) é un país pobretón. Debían crear unha nova consellería, sen nómina, para que os namorados pintasen de azul este ceo de inverno. Todo o que precisas é amor. O resto, escribiu Shakespeare, é silencio.