A encíclica do novo Papa, que fala do amor, chegou tarde a Calle Génova. Acebes (Ah!cebes) repartía estopa a diestro, siniestro, e siniestro total. Piqué ameazaba con demitir e Rajoy continuaba na súa cruzada en contra de Zapatero, o home alegre. Mariano púxose tráxico e demandou un referéndum. Talvez recordando que Aznar solicitou tal referéndum cando foi a cousa de Irak e os soldaditos españoles, soldaditos valientes, desfilaban en rhitmanbush polas cavernas mesopotámicas en procura de armas de destrucción masiva. Rajoy tampouco coñecía a encíclica. Vén dicir que é preciso amar a Deus sobre todas as cousas (incluso por riba do espíritu nacional) e ao próximo como a ti mesmo (aínda que sexa republicano, nacionalista, socialista, ou homosexual). Rajoy e Acebes debían dedicarse a cultivar e expandir a encíclica en cada mitin, con manifestación incluída, apoiada pola congregación episcopal en pleno. Eu ofrézome para recitar versos amatorios, con lágrimas, emocionado. Abrazando a Ah!cebes, Ángel mío, e escoitando «libertad, sin ira, libertad». De amore, sobre o amor, fala a encíclica de Bieito XVI. De amore precisa este Pepé de Calle Génova: antipático, acidocítrico, crispado. Una España sin ira, digo yo.