AO LER sobre o último escándalo de espionaxe en Estados Unidos lembreime do que unha vez me dixo un tipo: «O segredo non existe». El debía sabelo, porque era un profesional do segredo, un axente dun servizo de intelixencia. «Nós, o único que facemos é saber as cousas un pouco antes que os demais, iso é todo; pero non hai nada que non se acabe sabendo». Así é: a información é o contrario da arte, vai perdendo valor co tempo, e os segredos teñen a breve vida dos insectos. As películas de espías esfórzanse por convencernos, en cambio, de que existen cousas así: documentos «dos que depende a supervivencia da humanidade», claves que converten aos que as posúen ou as rouban en seres todopoderosos, microfilmes, disquetes, planos, dosieres... Na súa xerga, os guionistas de cine chámanlle a este bazar de obxectos numinosos macguffins, pero teñen sempre bo coidado en non detallar por qué son tan importantes; porque o certo é que logo, na realidade, a penas hai ningunha peza de información tan valiosa en todo o mundo. Con todo, preferimos crer que o Mal ten unha clave, unha cifra, un acocho que se pode descubrir. Convencidos de que unha chamada telefónica, unha nota casual manuscrita ou unha matrícula de coche encerran a clave para salvar o mundo, pagamos organismos que pinchan teléfonos ao azar, abren as nosas cartas, espían os correos electrónicos, filman desde satélites... O curioso é que con todo ese esforzo non logramos a penas nada. Os que din que este último escándalo de espionaxe xeneralizada en Estados Unidos é unha vulneración dos dereitos individuais teñen razón. Pero hai outro escándalo se cadra maior: o da súa inutilidade. Ducias de miles de cintas gravadas, toneladas de informes e millóns de xigas de información descansan en almacéns, inutilizables precisamente pola súa desmesura. Os responsables recoñéceno: nin un só terrorista foi apresado grazas a eles. Iso é o que pasa co segredo: raramente descubre un o que busca, e no curso desa busca o que si descubre son moitos outros segredos que abren novas interrogantes e obrigan a decorrer camiños sen saída. Peor aínda: a busca de segredos obriga aos buscadores a crear novos segredos eles mesmos: cárceres secretos, detencións secretas, presupostos segredos, campañas secretas... Ata que o segredo se apodera deles antes que eles do segredo. Quizais, finalmente, o segredo si exista e o segredo sexa, el mesmo, unha das formas do Mal.