A FOTO da infanta Leonor con vaqueiros levantou unha morea de comentarios críticos. Para uns é signo de servidume ao imperialismo americano; para outros unha perigosa ruptura das tradicións monárquicas. Non falta quen ve nela pretensións de populismo e ata probas do mal gusto dunha plebeia infiltrada na nobleza. A foto, dende logo, no é casual. Unha parella con tanta xente pendente do que fai non se arrisca a deixarse fotografiar de calquera maneira. Se eles dous e o bebé van con vaqueiros é porque queren dar unha determinada imaxe. Pódense facer varias observacións. A primeira é que levar vaqueiros non é excepcional na familia real; todos eles teñen sido fotografiados con esa prenda en diversas ocasións. A segunda, que os vaqueiros, igual que as zapatillas deportivas, non poden xa considerarse un símbolo imperialista senón mais ben un patrimonio da humanidade, algo que todos os países, sexa cal sexa a súa ideoloxía ou goberno, teñen nacionalizado. España, por exemplo, exporta vaqueiros e zapatillas de deporte de fabricación nacional, o mesmo que outras moitas nacións. Ata tal punto perdeu ese carácter que o recén elexido presidente de Bolivia, declarado militante antiestadounidense, fotografiouse xogando ao tenis con zapatillas e escarpís dunha coñecida marca norteamericana. Cousa moito máis discutible que os vaqueiros do bebé real. Outro punto para considerar é que hoxe os bebés non levan patucos nen faldóns senón diminutas imitacións da roupa que visten seus pais. E que os blue jeans para nenos de meses están de moda. E por último: o Príncipe de Asturias casou cunha rapaza que gañaba a vida traballando, como a súa nai e a súa avoa, non cunha aristócrata que vivise de rendas, de entrevistas ás revistas ou dos privilexios de clase. Coido que, vestíndose de vaqueiros eles dous e a meniña, queren dicir que lles gusta asemellarse as parellas normais da súa época e da súa edade. A min esa imaxe, se non a desminten os feitos, paréceme ben.