SERÁS o dragón que secuestrou á princesa do conto, aquela que vivía no teu barrio, que asaltabas, que cantabas, que esculpías para ela versos de amor. Serás o sapo convertido en príncipe. Serás Ali Babá e terás corenta ladróns para roubar os soños máis fermosos. E ti, ai, tomarás café con Brad Pitt e Pitt será un tipo inolvidable. Eu quedarei contemplando a lúa que existe só na miña imaxinación: ese lugar onde a realidade é un güisqui, un bolero con sabor a ti, unha noiteboa cada madrugada. Esperarei que a carta dos teus Reis sexa republicana. Chamarei ao teléfono da felicidade para saber que ese lugar, Felicidade, é unha boca de neno pintada de risa. Comerei as uvas o día 24, 25, 26, ata que o seu licor me emborrache sobre uns brazos de orquídeas e lirios e violetas. Rezarei por todos os que non teñen, aos que lles falta, os que morren por un puñado de futuro: iso que a xente chama esperanza. Fumarei en público, eu que xa non fumo, para que a lei antitabaco non me defenda (non me salves, Zapatero; e se perseveras, sálvame tamén da estupidez, do tedio, de Acebes, da tristeza). E por último, para que me queiras, seguirei escribindo esta columna. Eu, que sempre quixen ser o dragón. E ti, corazón, a princesa.