A PARTIR do 1 de xaneiro entrará en vigor a lei antitabaco que restrinxe drasticamente os lugares nos que se permite fumar e prevé castigar con multas de ata 600.000 euros as infraccións graves. Sería desexable que simultaneamente se fixesen campañas para concienciar aos fumadores e non fumadores da importancia de respectar a lei e non boicoteala nin crear situacións de violencia con ese motivo. Os fumadores falan de intolerancia, intransixencia e histerismo por parte dos que non queremos ser afumados. Falan da contaminación dos coches e das calefaccións e das fábricas, e séntense perseguidos e discriminados... Poucos son os que recoñecen unha adicción que os asemella a calquera outro drogadicto e que os fai incapaces de pensar nos que sufren pasivamente as consecuencias da súa adicción. O fumador prexudica a súa saúde, pero ao mesmo tempo experimenta algúns bens derivados do uso do tabaco: un pito é pracenteiro, relaxa e tranquiliza. E mesmo é posible que algún compoñente do tabaco sexa útil para prever o cancro de colon e recto. Compréndese que sexa duro renunciar a el. Pero o fumador pasivo, o que entra a tomar un café ou unha cervexa nun bar e se atopa cun local cheo de fume de tabaco, non experimenta pracer nin beneficio de ningún tipo. Cando se pide tolerancia deben ser conscientes de que o fume do tabaco é aínda máis prexudicial para os que non o consumen directamente. Investigacións recentes demostraron que o alcatrán e a nicotina están seis veces máis concentrados no fume que flota nun local que no fume que se inspira directamente. No caso do monóxido de carbono, a concentración é quince veces superior. A eso engadan a irritación dos ollos, o formigo da gorxa, o cheiro que impregna roupa e pelo dos fumadores pasivos. O fumador, antes de preguntar «¿moléstache que fume?», debería pensar se pediría permiso para darlle un pouco de veleno ou clavarlle un coitelo. Hai cousas que non se deben preguntar para non abusar do agarimo ou da tolerancia dos outros.