NA ALDEA de Frieiras, á beira do Miño, alá contra finais dos anos 70 a penas tiñan luz. Un fío eléctrico nas bombillas, un cativo vagalume alumaba as cociñas e o corredor de madeira que levaba ás cortes. As vacas muxíanas con candil de aceite e, polas noites, apagábano todo para poder ver a televisión (no único televisor que había na aldea). Botaban o programa de José María Iñigo, Estudio aberto , acórdame ben, na TVE, a única televisión posible, a mellor televisión do mundo, e os vellos axuntábanse arredor do aparello coma diante dun altariño da Miragrosa. Isto vino eu, percorrendo o país nos meus primeiros anos de infantería de xornalismo. Na aldea facían un requeixo delicioso que dúas mulleres ían vender á feira das Neves. Pero non había nenos, nin mozos. A xente adulta andaba daquela en Francia e na Suíza, e algúns poucos na Citroën de Vigo. Un encoro asulagara as mellores terras para unha central eléctrica. Non lembro se era Fenosa. Podería selo. Os vellos agardaban pola festa do patrón ou polo Nadal para ver os netos. Fenosa explotaba xa entón a meirande parte das instalacións deste tipo que foran xurdindo en Galicia nos anos 50 e 60: Belesar, o Eume, o Tambre, Portodemouros, As Pías, Velle, San Sebastián, Os Peares, e máis concentrara algunhas pequenas empresas do sector dos anos 30. Ricas terras de cultivo, ubicadas en fértiles vales, símbolo da Galicia tradicional, foron literalmente ocupadas polos kilovatios, contra os que cantou Celso Emilio Ferreiro cando o asulagamento de Castrelo de Miño, acaso o símbolo de toda aquela época. Os vecinos expropiados de Frieiras (os vellos que alí quedaban) tiñan que apagar a súa cativa instalación eléctrica para poder ver a televisión. Seica a cousa non daba para máis fantasías. Pero Galicia exportaba enerxía a media España: a España do crecemento económico e dos planos do ministro López Rodó, e o sector, dende entón, non parou de medrar: Meirama, As Pontes, as novas minicentrais que se levantan ou anuncian a súa posible construción nos ríos galegos, o proxecto nunca concretado do salto de Sela, os centos de virandelos que inzan arestora a nosa paisaxe... A enerxía é un sector estratéxico e Galicia produce enerxía. Ten condicións naturais privilexiadas para producila. Cando no ano 1984, logo da creación de Unión Fenosa, a compañía galega deixou a súa sede histórica da Coruña e se instalou en Madrid, moitos falamos (e escribimos) da grave perda de iniciativa que para o desenvolvemento de Galicia representaba aquela decisión. «O capital non ten patria», dixéronnos, como nos recordaba tamén estes días o alcalde Vázquez con razón. As leis de mercado son libres, autónomas, e non entenden de sentimentalismos. «Menos poesía e máis kilovatios», comentou alguén daquela. Pero as terras asulagadas están aí, e os desprazamentos de poboación, o estragamento da Galicia tradicional, da súa paisaxe e das súas xentes teñen tamén que ver con isto (aínda que non exclusivamente). Pagamos un prezo: en ocupación, en demografía, en contaminación, etcétera, e non parece disparatado agardar unha rendibilidade histórica a cambio. ¿Canta iniciativa está a perder ou deixar marchar Galicia nos últimos tempos? ¿Que outro prezo histórico podemos pagar por isto, se non tomamos consciencia do que significa e non animamos á nosa sociedade civil (empresarial, económica, financeira) a afirmarse dende o país? Os portugueses desembarcan no sector forestal e no sector enerxético, os franceses no sector alimentario, os noruegueses e escandinavos na acuicultura... Unha parte importante das nosas grandes empresas extraen aquí (materias primas) e reparten beneficios e cotizan (fiscalmente) fóra. ¿Como lle chamamos a isto?