A CONSELLARÍA de Educación anunciou a súa intención de implantar o estudo do portugués como unha das línguas estranxeiras optativas. A decisión está guiada pola evidente necesidade de que en Galiza se coñeza a língua do país viciño. Mais o método escollido resulta errado: Galiza non é Madrid onde o portugués pode ser tratado como unha língua estranxeira, como se fose o inglés ou francés. De non mediaren fenómenos de alcance histórico e político, que ainda pairan sobre a realidade galega distorsionando os xuizos sobre a língua propria, o facto de o portugués ser considerado aquí como estranxeiro enxergaríase co mesmo pasmo con que perceberían os españois un intento de implantar desa forma o estudo do venezolano. Certo que todos os estudantes galegos deben coñecer o portugués, mais aprendedoo dentro do estudo do galego, porque son a mesma língua. Que sexan a mesma língua non significa negar as diferenzas, que existen tamén dentro de Galiza e Portugal ou entre os centos de millóns de persoas que a falan. Coñecemos ademais o afastamento estabelecido polas distintas normas oficiais vixentes e tamén os danos causados polas agresións sofridas polo galego despois de séculos de marxinación, danos en todo o caso mínimos se consideramos o milagroso estado do galego falado popularmente. O sistema adecuado para coñecer as dúas formas da língua non é a separación senón o estudo conxunto e comparado. Nas clases sobre a norma oficial vixente ou sobre o uso do galego resultaría doado destacar as diferenzas a respeito da norma universal do galego-portugués. E sería natural que dentro desta aprendizaxe se lle dese preferencia ás formas que sendo estritamente galegas son máis próximas ás portuguesas. Pondo en evidencia, ademais, que muito do que se da por esencialmente diferente entre as dúas normas non é tal: son galegos o seseo, o plural en oes, a variada fonética dos eses, non representada pola norma ortográfica oficial... Este tratamento do portugués é perfeitamente posíbel. Acabaríanos coñecendo a outra forma da língua común e falando mellor o galego, recuperando o xeito dos nosos pais e avós e liberándoo de maos hábitos fonéticos ou léxicos que chegan en ocasións a convertilo nun dialecto do castelán. Todos temos a experiencia da surpresa da xente de fora que nos pergunta de que língua se trata a que ouven falar pola radio ou a televisión a algunhas persoas que maltratan o galego dunha maneira que nunca se atreverían a facer co castelán. Evitaríamos así, ademais, a consolidación da idea de que o galego e o portugués son dúas línguas diferentes, imposta oficialmente no momento da transición política en contra do pensamento dominante na tradición galeguista, idea que por fortuna recua pacíficamente, como o demostran os pasos adiante dados recentemente na direción da converxencia normativa pola Real Academia Galega. Afirmar que o castelán forma parte dunha língua universal, da que se salienta a infinita variedade , constitui para os membros da Real Academia Española un motivo de orgullo. Só unha lectura política permite explicar o porqué de que aquí non se pense o mesmo a respeito do galego como parte da língua universal galego-portuguesa. Non hai menos diferenzas entre o castelán de La Habana e o de Burgos que as existentes entre o galego popular de Cangas e o portugués de Rio de Janeiro. Se o galego estivese plenamente normalizado en Galiza coñeceríamos o portugués, ainda tendo diverso acento, musicalidade ou certo léxico. Algúns galegos, como sucede hoxe cos de Fisterra, serían incluso recoñecidos por teren unha das formas máis xenuinas do galego-portugués.