Memorias dunha profesora

| VÍCTOR F. FREIXANES |

OPINIÓN

ANDO ás voltas coas memorias de Antía Cal, mestra que foi de varias xeracións, principalmente de viguesas e vigueses, nos anos 50, 60 e 70, fundadora do Colexio Rosalía de Castro, referencia obrigada nos procesos de renovación pedagóxica nos anos cativos do franquismo. Traballos de editor. Pero que veñen cadrar co rebumbio destes días arredor da LOE (Lei de Ordenación Educativa), a presenza da relixión nas escolas, o valor da educación, as relacións entre o ensino público e os intereses privados, o papel dos mestres, o compromiso dos pais, etcétera. Antía Cal, casada que estivo con Antón Beiras (de quen será cousa de falar noutra ocasión), non vou dicir que foi unha pioneira, porque pioneiras houbo antes ca ela, nos anos 20 e durante a Segunda República, achaiado todo coa Guerra Civil, pero abofé que foi figura sobranceira do rexurdimento e a modernización da escola española e galega do seu tempo, á par se acaso do que Marta Mata e os equipos de Rosa Sensat viñan desenvolvendo dende mediados dos anos 60 en Cataluña e, se cadra, do que Josefina Aldecoa facía no Colexio Estudio de Madrid... Repaso as memorias aínda inéditas de Antía e, irremediablemente, viaxo por anos difíciles, escuros, dunha escuridade tenebrosa, que non estou seguro de que as novas xeracións (nin sequera as que ela formou) sexan quen de comprender en toda a súa medida. Andan estes días polos xornais algunhas enquisas sobre Franco segundo as cales unha parte importante da poboación española case non sabe quen foi o ditador. Moitos rapaces falan da Guerra Civil coa mesma distancia e co mesmo descoñecemento con que poden falar da guerra de Cuba, en 1898. Non sei se isto é máis malo que bo. Pode verse das dúas maneiras. A historia escríbese cara adiante, non a lamber seguido as feridas. Pero tamén é certo que, como nos recordaban Ramón Villares e Santiago Rey o pasado día 10, durante a entrega do Premio Fernández Latorre, sen coñecemento da Historia (coñecemento crítico, documentado, reflexivo) e sen memoria común do pasado non somos nada, nin sequera seres humanos. Emilio Lledó explícao doutra maneira: «Todo o que somos enténdese e xustificase polo que fomos. Ser é, esencialmente, ser memoria». Volvo a Antía Cal e á súa escrita autobiográfica, que no fondo é unha demorada reflexión sobre o que lle deu sentido á súa vida: a escola. O que máis me emociona do texto é o entusiasmo, especialmente contaxioso nunha muller que vai para os 83 anos. ¿Qué é a educación sen entusiasmo? Entusiasmo por transformar a realidade e mellorala (empezando pola dos propios nenos). Entusiasmo por descubrir e entender a vida. Entusiasmo por explicala e compartila, máis alá do corsé estrito dos programas. Entusiasmo para vencer a incomprensión social (¿cando traballan os mestres?), para superar os agravios comparativos (¿canto estamos dispostos a investir en educación?), para non deixarse levar polo desánimo e a rotina (sempre volvendo a empezar). Entusiasmo para impoñerse a un contorno que non axuda, cando non é abertamente hostil, instalado no consumismo e nos valores exclusivamente materiais, que os pais son os primeiros en transmitir aos fillos. Entusiasmo para reciclarse constantemente (¿para que, se ninguén o recoñece?). Entusiasmo para interesar, informar, transmitir, seducir..., que todas estas cousas son a educación. Entusiasmo que tamén se esgota, se non se alimenta e vivifica dende unha planificación axeitada. O debate da relixión, que na Europa civilizada está resolto dende hai máis de cen anos, antósallenos a moitos unha cortina de fume para non abordar estas outras cuestións de fondo.