NUNHA ocasión, oínlle comentar a un xinecólogo ante unha proba doorosa que as mulleres aguantaban todo, e que, se houbese que facerlle algo así a un home, xa terían buscado outro procedemento. Acordeime desto ao recibir dunha amiga un mail no que me fai chegar un comentario sobre as mamografías, probas polas que as mulleres debemos pasar anualmente a partir dos coarenta anos. Trátase con humor un tema que sempre produce inquedanza e ofréncense algúns exercicios para unha boa preparación. Son estos: Primeiro: Abra a porta do refrixerador e coloque un peito no marco da porta, péchea sobre o peito e presione con forza , axudando con peso de todo o corpo. Aguante nesa posición un par de minutos. Segundo: Baixe ao garaxe ás tres da mañá, hora na que a temperatura é perfecta para o exercicio. Íspase e déitese de lado no chan, coidando de poñer un peito debaixo da roda traseira do coche. Pídalle a un familiar ou amiga que vaia marcha atrás lentamente, ata que o peito fique completamente aplastado pola roda. Aguante sen respirar dez segundos. Repita co outro peito e a diario durante unha semana. Terceiro: Poña dous suxetalibros de metal no conxelador. Desvístase da cintura para arriba. Invite a un home corpulento e descoñecido a entrar no cuarto e a poñerlle un peito entre as dúas partes do suxetalibros xeado e a apertar con todas as súas forzas. Repita co outro peito. Despois concerte con el unha cita para volver a facelo o ano seguinte. Tras estes exercicios xa está preparada. Cando lle mostre o resultado da mamografía ao xinecólogo pídalle en reciprocidade que se faga unha ovografía. O conto é gracioso , pero non o tomen coma un puro chiste. O aguante das mulleres é un feito social, non natural. Non sei se aos homes lles fan testiculografías, pero é seguro que non lles esmagarán os seus órganos sexuais coma esmagan os das mulleres. Quizá pensan que os nosos son menos sensibles, ou, como dicía o meu xinecólogo, que as mulleres aguantamos todo.