Leonor de Aquitania

| VÍCTOR F. FREIXANES |

OPINIÓN

A CIENCIA antiga dicía que son os nomes os que fan ás persoas, e non ao revés: Ernesto, Carlos, Ramón... Segundo esta teoría, que durante a Idade Media tivo moitísima vixencia e que na práctica segue aínda afincada no subconsciente das persoas, poñerlle o nome ao fillo (ou á filla) non é ningunha parvada. ¿Imaxinan vostede un descendente dos príncipes de España que se chamase Fernando (tendo en conta os precedentes inmediatos de Fernando VII, por exemplo), ou Carlos (cos precedentes de Carlos IV, o monarca claudicante ante Napoleón, e Carlos II o Enmeigado), ou incluso Alfonso, cun Alfonso XIII marchando para o exilio logo das eleccións municipais que habían dar paso á proclamación da Segunda República...? Tampouco se trababa de chamarlle Pelayo, por moito patriotismo asturiano que houbese, nin José, co precendente do rei francés, Pepe Botella, nin Xaime, que aínda que ten un aquel catalán, non deixa de evocar recentes reivindicacións dinásticas na familia... Non o tiñan fácil se non querían botar man doutro Felipe ou doutro Juan Carlos, simbólica continuidade que moitos tomarían por falta de imaxinación... Pero naceu nena, e a alguén se lle ocorriu poñerlle Leonor. Non sei por que sospeito que a primeira idea foi da nai. Axiña os xornais tiraron de arquivo e empezaron a deitar precedentes históricos enriba da mesa: Leonor de Castilla, Leonores en Aragón e Navarra, Leonor I de Habsburgo que casou con don Manuel de Portugal... Poucos repararon, curiosamente, na significación da primeira de todas: Leonor de Aquitania, duquesa tamén da Gascuña e condesa de Poitou, nai de Ricardo Corazón de León, esposa primeiro do rei Luis VII de Francia, con quen marchou nada menos que á Cruzada, e casada logo con Enrique II Plantagenet, rei de Inglaterra, sen dúbida (a raíña) unha das personalidades máis influíntes da Europa do seu tempo. Onte estivemos con Vitoria Cirlot, catedrática da Universidade Pompeu Fabra de Barcelona, especialista na novela artúrica, invitada a falar en Santiago de Compostela da Materia de Bretaña e das Cortes de Amor, que revolucionaron a Europa do século XII e o século XIII. Leonor de Aquitania foi a gran musa daquel mundo, a raíña das raíñas, liberal e apaixoada, inspiradora da figura de Xenebra nas novelas de Chrétien de Troyes, arquetipo da Soberanía, «sen a cal ningún home, nin o máis grande dos reis, poderá gobernar o mundo», en palabras de Jan Markale; referencia simbólica de certo feminismo literario a finais do século XX, nai de María de Champagne, outra grande animadora e mecenas dos trobadores occitanios, e mais desoutra Leonor, mais próxima, que había de casar con Afonso VIII e introduciría na península Ibérica o culto aos mitos artúricos a través do Camiño Francés. Leonor de Aquitania era neta do primeiro trovador da Occitania, Guillerme IX, pero sobre todo, tocante ao que a Galicia atinxe, resulta ser a filla predilecta nada menos que do noso don Gaiferos de Mormaltán, o Gaiferos do romance, o que morre aos pés do apóstolo Santiago, o Gaiferos dos «ollos verdes coma a auga do mar», que di o cantar. O nome de don Gaiferos procede da deturpación doutras referencias medievais, pero a historia que conta o romance é a do duque de Aquitania, Guillermo X, amigo do arcebispo Xelmírez, que desenganado da súa muller e fatigado tamén do mundo, deixa ás súas fillas ao coidado do seu irmán Raimundo de Poitou e vén concluir os seus días (un Venres Santo, segundo a tradición) na catedral de Compostela.