ESPAÑA non está en risco de ruptura por moito que Acebes o repita teimudamente, pero Francia si. Os problemas políticos previstos, mesmo se son esaxerados, tenden a evitarse. Os non previstos tenden a estalar. A ola de motíns que sofre o veciño do norte descúbrenos un problema social de marxinalidade pero tamén un problema de identidades e un conflicto étnico de grandes proporcións. Non se trata dun conflicto con axentes coñecidos, nin con pautas propias dunha sociedade moderna e articulada, responde máis ben a un modelo de rebelión primitiva e prepolítica, aparentemente impropio dunha sociedade coa historia e o presente da francesa. Un estalido aparentemente fortuíto que se extende como unha mancha de aceite amosando a profundidade cuantitativa dun problema de raíz social, económica e cultural difícil de definir. Chama a atención o grao de violencia gratuíta que expresa a ausencia de freos morais pero tamén de obxectivos concretos. Tamén os obxectivos da violencia. Os automóbeis e os servizos públicos convertéronse na diana preferida. A queima dos utilitarios dos seus propios veciños só pode ter sentido para grupos de mozos que os desexan pero non os teñen. Hoxe os desherdados da terra son os que carecen de capacidade de consumo. O outro albo son os servizos públicos identificabeis co Estado: escolas, comisarías, autobuses... As caras visibeis dun Estado identificado como responsabel da ausencia de benestar e polo tanto do malestar. Non é a primeira vez que acontece algo así en Europa pero si a primeira que acada esta dimensión. Antes ocorrera nas grandes cidades de Norteamérica e aínda temos ben frescos os sucesos de Los Angeles hai poucos anos. Saltou despois ao Reino Unido e centrouse de forma emblemática non barrio londinense de Brixton. En ambos casos actuouse sobre o problema e aparentemente logrouse reconducir nos últimos anos. Botóuselle a culpa ao multiculturalismo anglosaxón pero na republicana Francia tampouco funciona o modelo de integración cultural e política garantindo o respecto ás crenzas. En todo caso o que non funciona e non considerar unha prioridade política a cuestión da inmigración ou, por millor dicir, da convivencia entre identidades étnicas e culturais diversas e mesmo distantes. O gueto e máis a exclusión social xeran polvoríns que rematan por estalar sen que o sistema sexa capaz de advertilo. As nosas sociedades europeas están a transformarse a paso rápido en sociedades multiétnicas e multiculturais sen que isto se reflicta nas prioridades e nas formas políticas.