OS ARRABALDOS de París son hoxe a violencia de Europa. Os episodios de violencia expansiva para nós eran noticias de folgas, manifestacións antisistema, e brotes temporeiros de racismo. Sucesos asociados tamén con respostas institucionais de violencia, mais sempre limitados por un algo concreto. Os arrabaldos de conflicto e de miseria estaban de seu nas favelas brasileiras, nos desherdados do Gran Buenos Aires ou naquelas vilas miseria do México D. F. Lonxe do mundo propio. Porque así tal era, ou por necesidade da conciencia de ser cega. Chegaban historias de arrabaldo, que a penas nos comprometían o tempo de lelas ou de seguilas no cine ou na televisión. A favela de Rocinha , aló en Río, deu hai pouco 12 mortos nun operativo antidroga, e quizás nunha loita polo poder, que abateu a Bem te Vi -alcume de paxaro tropical- e trouxo algunha das crónicas etnográficas que ocupan un tempo dedicado á miseria exótica e alonxada, mais que case non rozan a nosa vida. O estoupido nos arrabaldos de París, pola contra, ponnos diante de algo que non fomos quén de asumir nin de tratar. Sitúanos ante a miseria e o desarraigo dos que veñen de lonxe e non atopan nin lugar nin acougo. Por máis que se laven conciencias con axudas sociais que non resolven as políticas obxectivas de marxinalidade, ou mesmo complementan a economía mergullada. París, máis aló de erros nas políticas gobernamentais ou da crise provocada no Goberno francés, ensina tanto as dificultades que presenta a integración dos inmigrantes como os efectos que ese fracaso estende ás seguintes xeracións daqueles non integrados. As proclamadas políticas de oportunidades para os que veñen de fóra e os seus fillos evidencian un fracaso que anuncia o fracaso da sociedade europea do benestar. París, e a violencia que alí se está a vivir, ensina que a Europa precisa de revisar as súas políticas de integración social, pois o mundo de desarraigo ben coñecido nas favelas brasileiras chegou xa en dimensión real ás ilustradas capitais europeas. París a penas é unha mostra do fracaso, daquelo que non se atendeu en máis de trinta anos. En París, ou en Madrid, hai xa un, ou cen, Bem te Vi . Organizando a sociedade e a economía da desesperanza. Tal que en Río.