HAI EMPRESAS que, polos seus méritos, pola súa coherencia e tradición, e mais polo que socialmente representan, son moito máis que empresas. Algunhas nacen xa con esta vocación: instálanse no espazo simbólico, alén da concepción estritamente económica e de mercado (no que necesariamente se desenvolven) e o seu discurso trascende a dimensión das contas de explotación e dos balances para convertirse, a maiores, en referentes do imaxinario colectivo, da identidade do país, realizacións obxectivas dun determinado tempo histórico. En termos de valor diríamos que se converten en patrimonio común, nunha especie de activo social no que nos recoñecemos e que, indirectamente, compartimos. Tal é o caso das Cerámicas do Castro e de Sargadelos, máis coñecidas como Grupo Sargadelos, con todo o universo (e a memoria histórica) que o envolve: Laboratorio de Formas, Ediciós do Castro, Seminario de Estudos Galegos, Instituto Galego da Información, Museo Carlos Maside, etcétera. Hai poucos días este periódico publicaba a inquietante noticia da posible venda das participacións que Isaac Díaz Pardo ten na empresa Cerámicas do Castro (26,24 %), primeiro xermolo do que logo sería o Grupo Sargadelos e peza fundamental para a estabilidade do mesmo. Non coñezo as interioridades da situación. Sospeitamos tensións internas que se refiren ao futuro dun proxecto empresarial e cultural que naceu cunha misión moi definida, moi consciente, e que acadou co tempo unha madureza e unhas posibilidades de desenvolvemento que en absoluto están esgotadas, senón todo o contrario. A idea de garantir a continuidade non só das empresas senón, moi fundamentalmente, da misión para a cal foron creadas, parece ser a preocupación de Díaz Pardo. Estes dous conceptos (empresa e cultura) son principios básicos para entender a significación do proxecto Sargadelos. Cando en 1963 comenzan a volver os exiliados do galeguismo, Luis Seoane e Díaz Pardo conciben a idea do Laboratorio de Formas, ao que se incorpora o arquitecto Andrés Albalat, e promoven, entre outras iniciativas, a recuperación da vella factoría de Antonio Raimundo Ibáñez, marqués de Sargadelos, a partir da existencia inicial de Cerámicas do Castro, creadas con anterioridade, en 1947. Xorde daquela unha especie de universo autónomo que, con espírito emprendedor, fundamentado no estudo da identidade cultural, na reconstrucción da memoria histórica de Galicia e na simbiose renovada entre creación e industria, tradición e modernidade, levantou en catro décadas un dos grupos empresariais máis orixinais da iniciativa empresarial galega contemporánea. Velaí a súa forza e a súa credibilidade: Galicia como gran activo simbólico. Os economistas (e os accionistas) ben que o entenden: valor de marca, valor económico e valor de futuro. Houbo un momento en que regalar producións do Castro ou Sargadelos, ou participar nalgún proxecto orientado por estas empresas, convertidas en auténticas institucións, era regalar Galicia, ou participar da idea dunha Galicia nova, ilusionada, moderna, non tópica nin folklórica, competitiva, estimulante, que rexurdía das súas propias cinzas (logo da guerra e da postguerra) coma un milagre. Milagre autónomo da nosa sociedade civil. Nin titelado, nin subvencionado. Certo que estamos diante dunha empresa privada e que o seu futuro depende, xa que logo, dos seus propietarios (accionistas). Mais tamén é certo que se trata dun dos poucos (aínda que poderosos) símbolos da nosa iniciativa civil, da nosa identidade cultural, case diría que do noso imaxinario colectivo, diante de cuxo futuro (economico, empresarial, estratéxico e de principios) nin nos sentimos alleos nin podemos ficar indiferentes.