falar.ben@lavoz.es CADA VEZ vén sendo máis normal ver na televisión xente alterada que discute a berros. Como na tele, na vida cotiá, son moitos os que co ritmo de vida acelerado arrancan unha conversa co furor de botar pola boca todo aquilo que lles arde por dentro. Estes días, a propósito da folga dos transportistas, nótase que a xente anda molesta, incómoda, anoxada... a xente está picada. Especialmente na linguaxe coloquial é moi común que empreguemos o verbo picar en sentido figurado co significado de 'enfadarse, sentirse alguén ofendido' (Picáronse na festa e non hai quen os ature), pero tamén co sentido de 'provocar a alguén' (Picouno co tema da voda e están enfadados). Estes mesmos significados atopámolos en castelán no verbo picar, pero mentres que nesa lingua está documentado nos dicionarios o substantivo derivado, pique, en galego non aparece recollido. ¿Se estamos picados os galegos non podemos logo ter piques entre nós? Se atendemos á información das principais obras lexicográficas, o pique galego non existen nada máis que co significado de 'gusto acedo do viño', 'anaco pequeno dun alimento', 'cantidade pequena dunha cousa', pero non co sentido de 'enfado'. O español pique está definido no DRAE como 'resentimiento, desazón o disgusto ocasionado de una disputa u otra cosa semejante', porque, de feito, pique non é un sinónimo exacto de enfado. O pique é habitualmente algo máis livián. Entón, se os galegos non temos piques, ¿que substantivo cómpre empregar con este mesmo sentido? Algunha obra lexicográfica remite ao substantivo retesía, aínda que en rigor non significan o mesmo. Retesía, en realidade, é unha 'disputa verbal entre dúas ou máis persoas nas que se intenta demostrar a destreza ou agudeza de enxeño'. A retesía é un 'desafío musical, unha competición oral no que participan dúas ou varias persoas que rivalizan en capacidade inventiva e satírica', pero por extensión, é equivalente a enfado, enfrontamento verbal. Así aparece utilizado nun texto da Mesa pola Normalización Lingüística: «Sendo como é o acordo adoptado pola RAG unha norma de concórdia, ¿a que obedece o desleixamento e a retesía da Xunta de Galiza ao respeito?». Este substantivo forma parte da frase adverbial á retesía, que significa, segundo o dicionario Xerais (2004), 'en competición', 'á porfía': «Non fagades nada á retesía nin por fachenda. Que cadaquén pense humildemente que os outros son máis ca el». De retesía derivou retesiar, que por proximidade do significado convive con rifar, berrar, discutir e disputar. Con todo, retesiar ten nunha das acepcións un matiz de gravidade, de enfrontamento verbal producido con vehemencia e ás veces con violencia.