HAI QUE recoñecelo, o nome do novo asesor que acaba de nomear o presidente de Colombia resulta un pouco problemático. Este novo asesor de Álvaro Uribe chámase Hitler Rousseau. Hitler Rousseau Chaveira Oíalle, para ser exactos, e o asunto está creando bastante escándalo en Colombia, país onde os nomes estraños non son precisamente descoñecidos (hai tres anos o Parlamento intentou, sen éxito, pasar unha lei que prohibía poñerlles aos neonatos nomes de marcas de electrodomésticos). Hitler Rousseau é un avogado de 33 anos e, perante o escándalo, pide que «non se politice este asunto». Asegura Hitler que o seu pai lle puxo o nome inocentemente, sen pensar no que significaba, ou que xa lle puxo tamén Rousseau para compensar (quizais non sabe que Rousseau, que abandonou aos seus cinco fillos a unha morte segura nun orfanato, non era precisamente un modelo de virtudes). Hitler Rousseau xura, en fin, que el non é nazi nin racista (pertence ao que antes se chamaba raza negra e que agora non sabemos cómo chamarlle). Di que é un xestor eficaz e que fará o seu traballo con toda dedicación. Ben. O problema é que ese traballo é precisamente o de encargarse da xuventude, e nos xornais xa se empeza a falar das «juventudes hitlerianas» de Colombia. Pero o tocaio do, vamos a chamarlle, estadista xermano non quere nin oír falar de cambiar de nome. Di que desde neno leva enfrontándose aos comentarios da xente, e que os nomes non teñen importancia. «What's in a name?», preguntábase tamén Shakespeare en Romeo e Xulieta , o que na versión galega que publicaba hai pouco La Voz de Galicia traduce Miguel Pérez Romero como «¿Que é un nome? O que chamamos rosa, con outro nome tería o mesmo recendo». Certo, igual que Franco Battiato ou Camilo Franco ou Franco Grande en nada comparten maneira de ser con Franco Bahamonde, Hitler por calquera outro nome tería sido igual de nefasto. Curiosamente, a el obsesionábanlle as bromas co seu nome e o Reichstag chegou a promulgar unha lei que prohibía chamar Hitler ou mesmo Adolf a cans e burros, un costume que se estaba estendendo, polo visto. Así que, por moito que incomode ás súas víctimas, é ao propio Hitler a quen máis amolaría esta coincidencia de nomes. Pero o mellor comentario sobre este asunto escoiteillo a un home nun bar que lía a noticia no xornal. Quedouse pensativo e dixo, conciliador: «Aínda se polo menos levase Hitler de segundo».