A 6.000 euros o burro

OPINIÓN

POUCA xente poderá comprender que se chegue a estas desproporcións, que unha pobre muller mereza unha multa de 6.000 euros por mallar nun burro ata a morte e que, pola contra, se vexan ben as corridas de touros, os encerros de San Fermín ou a barbarie de Tordesillas. Á dona do burro pasaralle o que nos ocorre a moitos: que nos sentimos incómodos neste país. Porque non se ve que as autoridades teñan preocupación semellante polos ruídos cada vez máis salvaxes das nosas vilas e cidades, pola falta de civismo da mocidade, polos incendiarios dos nosos montes, que din son moitos e non se prende nin condena a case ningún. Á dona do burro, que sabe ben cantos burros se poden comprar con 6.000 euros, custaralle comprender que a poidan arruinar con esa sanción e os dos touros, os de Pamplona e os de Tordesillas teñan subvencións, saian na televisión e merezan os seus actos bárbaros o nome de festa e aínda tamén o festexo xeral. Dirá que non entende este mundo. E con razón.