Nivel 20

| UXÍO LABARTA |

OPINIÓN

ANUNCIABA o conselleiro Méndez Romeu dous dos seus obxectivos políticos como responsable da función pública galega: resolver a temporalidade laboral e pór fin á abraiante ringleira -seica 1.200 persoas- de postos de traballo de libre e discrecional nomeamento. Problemas que veñen sendo tacha principal da administración pública galega, por canto obvian os principios constitucionais de mérito e capacidade, e contribúen á desprofesionalización da función pública. Un lembra o invocado polo daquela -primeiro goberno Fraga- responsable da administración pública da Xunta, cando comparaba os seus obxectivos políticos con aqueles que el entendía propios do goberno de González Laxe. Pouco que ver entre aquela declaración de principios e a situación na que fica a función pública logo de quince anos. Foi moeda de curso legal e aceptada normalidade facer de libre designación postos de traballo mesmo do nivel 18 (non secretarías), deixar sen contidos, ou suprimir xefaturas de servicio ou de sección obtidas por oposición, mesmo con prácticas de mobbing, ou faceren nomeamentos discrecionais en administracións especializadas, tal que a sanitaria. Por non falaren de toda a discrecionalidade na dotación e provisión de postos de traballo da administración paralela (fundacións, empresas e entes públicos¿). E porque iso foi así, explícanse os intentos de aprobaren un decreto de blindaxe de altos cargos . Eufemismo baixo o que se pretendeu encubrir polo goberno en funcións todos aqueles postos de traballo de discrecional designación. Se ben moitos deles nin eran altos, nin eran cargos. A penas un traballo, e se cadra un agasallo. Non negando que os altos cargos, tal son, e polo tanto o seu nomeamento é propio de cadanseu goberno, agradécese que o conselleiro de Presidencia tente separar o grao da palla. Para non repetiren falcatruadas como é que se viviron. Nin que, por mor dun cambio de goberno, teñan lugar -mesmo con legalidade- outras inxustizas. Porque non parece acaído que persoas, xefes de servicio hai vinte anos, poidan seren agora agraciadas cun posto de traballo nivel 20. Tal porque, no uso da súa liberdade, ocuparan postos de goberno. Endereitar a organización do desgoberno. Que tal faga Méndez Romeu.