Sensación térmica

| MIGUEL-ANXO MURADO |

OPINIÓN

19 sep 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

DIN OS meteorólogos que non deberíamos ter frío. E sen embargo témolo. Din que é a sensación térmica, diferente da temperatura real. O asunto explícase así: aínda que as temperaturas seguen sendo, en xeral, altas, a repentina caída de dez graos no mercurio do termómetro fai que nos pareza máis do que é. E así andamos estes días, esfregando as mans como intérpretes de O avaro de Molière, resoplando coma se estivesemos en pleno inverno. Os meteorólogos poden dicir que estamos enganados, pero nós o frío sentir sentímolo; e seguramente tamén eles. Mentres tanto, en Alemania, as enquisas prognosticaban unha victoria dos conservadores. Gerhard Schröder empezara a sentir frío tamén el, subíndolle polas costas, mentres que Angela Merkel en cambio xa quitara a chaqueta. Pero sucedeu que era unicamente unha sensación térmica: nin facía tanto frío como cría un nin tanto calor como pensaba a outra. Ao final, o resultado é un empate deses que tanto se prodigan ultimamente. Eu teño unha teoría sobre estes empates, unha teoría matemática da que non estou totalmente convencido (como de case que todo) pero que lles conto aquí: cando non hai diferencia entre dúas posibilidades os resultados tenden a repartirse ao 50%. É o que pasa cando se guinda unha moeda ao aire moitas veces, saen case tantas caras como cruces. Merkel e Schröder prometían os mesmos recortes, as mesmas disciplinas; tan só variaban en graos de entusiasmo, posta en escena e xestión do sorriso. Votar a un ou ao outro era case indiferente, e así a política deu paso á estatística, que é a única ideoloxía que ten a Natureza cando a deixan soa. Hai quen di que xa non existen diferencias entre dereita e esquerda, outros incomódanse ao escoitalo. Pode que uns e outros estean equivocados. Esquerda e dereita son conceptos que naceron como unha simple cuestión de colocación das bancadas na Asemblea da Revolución Francesa, pero pode que non sexa no fondo máis que unha cuestión de sensación térmica, algo relativo á temperatura ambiente, algo real e imaxinario á vez, en parte cuestión de fe e en parte desconfianza. Os físicos din que o frío non existe, que é tan só unha ausencia de calor. Pero a cuestión da sensación térmica máis ben nos indica que frío e calor non son en realidade dous opostos, senón dúas opinións. Máis aínda. Quizá nesta vida todo sexa, no fondo, así: unha cuestión de sensación térmica.