Políticas da memoria

| LOURENZO FERNÁNDEZ PRIETO |

OPINIÓN

22 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

UN CAMBIO no uso da memoria vai acompañar ao cambio político que experimentamos. Nestes días, recén formado o novo Goberno, exhumáronse no Vicedo e máis en Portomarín os primeiros cadáveres de fusilados na guerra civil. Alén diso, o Goberno comprometeuse públicamente a revisar o pasado e recoñecer ás víctimas ¿É necesario isto? ¿É preciso remexer nun pasado tan incómodo? Alguén empezará a preguntarse, mesmo, se hai demanda social de memoria. É inevitabel e imprescindibel. Poñéndonos evanxélicos por unha vez, mesmo diríamos que é xusto e necesario, é o noso deber, etcétera... Despois de 30 anos, aínda non se estableceron na Galiza políticas de memoria que sirvan para resituar un pasado cruel e violento e substituir a única política da memoria que pervive: a que fixo a Dictadura durante catro décadas. Cada agosto, e cada vez máis públicamente, rememoramos as matanzas do 36 -as que comezaron aquel ano- no día da Galiza Mártir que lembra o fusilamento de Alexandre Bóveda, honramos ao Anxel Casal cuneteado en Cacheiras, ao tamén alcalde Quintanilla. Neste ano, atrevémonos ademais a desenterrar outras víctimas menos coñecidas pero das que todos sabemos. Sabían os seus parentes, os veciños, os correlixionarios. Os estudos sobre a represión multiplicáronse nos últimos anos, dos pioneiros traballos de Carlos Fernández aos de Luis Lamela e outros publicados por Díaz Pardo na serie Documentos , investigacións locais como a de Nuevo Cal que, precisamente, permitiu a localización da foxa do Vicedo, estudos sistemáticas como os de María Xesús Souto para Lugo ou o que con Emilio Grandío se está a facer para a Coruña. Nos últimos anos foise publicando todo o que se sabía e se podía saber. Non é tanto o que queda por saber como o que queda por contar e, sobre todo, por recoñecer e evitar que se destrúa. Os que estudamos este período sabemos como desaparece a documentación ou como se conserva de casualidade. Hai un ano, un señor de Lleida chamounos ao departamento de Historia Contemporánea da USC para confirmar que houbera un campo de concentración en Camposancos. No Ministerio de Defensa negábanlle a súa existencia pero o seu sogro xuraba ter sufrido alí un par de anos. En ausencia de memoria activa acaba por negarse o pasado cunha inxenuidade pueril. Máis esta é unha memoria difícil de negar, porque non é de ultratumba senón de persoas vivas: fillos, netos, irmáns, mesmo supervivintes dunha morte segura. E por iso é delicada. Xahora. A estas alturas, coa maioría dos protagonistas mortos e no actual contexto político, xa ninguén pode temer unha inícua revancha. Pero despois do tempo de silencio entramos no tempo de recordo. Este ano cúmprense 30 anos da morte do dictador e o vindeiro, 70 do inicio da guerra. Falla unha reparación pública. Fíxose xustiza con algunhas víctimas singulares. Non con todas. Non coas que durante décadas sofreron o estigma de ser represaliados ou fillos de represaliados. Non cos que non saben onde están enterrados os seus. Isto dista moito de ser aceptable. En ausencia de políticas da memoria o que abunda é a destrucción da memoria. Non merecemos tal cousa, por pura hixiene cívica.