DESTES dous temas falou o último venres Ánxela Bugallo, e dun e doutro con craridade. Casualmente, o día anterior estiven nas obras do monte Gaiás acompañando a un excepcional persoaxe: Doron Klinghofer, austriaco, formado en Hong Kong, economista e arquitecto urbanista en Israel, con obras de desenvolvemento rexional e urbanístico nos cinco continentes. Establecido principalmente no Brasil, mais tamén en Italia e Israel. Casado cunha xudea encantadora que fai pezas de porcelana ao mesmo tempo que se celebra o XXXIV Encontro Estival de Sargadelos. A información de Doron é excepcional, tamén de Galiza, pero faltáballe coñecer a Cidade da Cultura, da que di que se coñece máis polo mundo adiante que na nosa terra. Doron ficou impresionado e di que se vai coñecer moito a Galiza no mundo por ela, se ben haille que cambear os contidos e os usos, o que nos dixo un día antes de que Ánxela Bugallo dixera o mesmo. Facilitounos o acceso á obra Ánxel Currás, xerente e amigo, da Fundación e nos acompañou xunto co arquitecto A. Maroño, quenes nos diron todo tipo de información. A nós acompañounos Carlos Seoane e a súa dona, rusa. Carlos, hai dous anos, cando el traballaba alí, ensinárame as obras; a hemeroteca xa tiña a estrutura. Tamén nos acompañou o arquitecto italiano Caramellino, coa súa muller; a administradora de Sargadelos, María Xosé Castro; o letrado Daniel Díaz; as investigadoras María Díaz e Begoña Soneira; e a italiana Sara, restauradora de arte. Velaí a crónica social dunha visita á Cidade da Cultura..., mais ¿de que cultura? ¿Da cultura universal, da galega...? Empeza a parte crítica. ¿Non estamos abusando da palabra cultura? Ademais dunha Consellería de Cultura e dunha Dirección Xeral, temos Consello da Cultura Galega, centros culturais de tantos e tantos institutos, concellos e emprendementos. Hoxe dáselle á cultura o equivalente a civilización, distinguindo a obra do home do que é natureza, aínda que de antigo, di Nicola Abbagnano, o término enténdese como formación, melloramento... Ferrater Mora di que a reflexión sobre cultura é cousa recente. E Corominas rexistra que a palabra falta no Diccionario da Academia do 1899, polo que empeza a usarse no pasado século XX; antes estaba culterano , cultoso e nun principio culto , do latín cultus =cultivar ou practicar algo. Para que as cousas progresen por onde deben, as palabras han ter un significado preciso. Por exemplo, Centro do Monte Gaiás (é un dicir) é máis universal e abarca todo o que alí se proxectou: o Museo da Historia como centro de investigación e un teatro da música e ópera que son cousas ben distintas. Hai moito que estudar por acó. O labor arquitectónico hai que aceptalo como unha experiencia moi importante. Din que o arquitecto do Gaiás foi facendo cambios dende o proxecto inicial. Escoitei que agora non lle deixan cambear máis (?). Peter Eisenman hai cinco anos aínda era un deconstructivista. Neste tempo foi deixándoo e até din que rompeu con Derrida. Penso que non debería obviárselle até o final, discutíndose, claro. Pola tarde do mesmo día no que Ánxela Bugallo se posicionou sobre a obra do monte Gaiás, ela cerraba o homenaxe ao cuneteado Ánxel Casal aos 69 anos do seu asesinato, e o fixo cunha rotundidade comprometida admirable. David Otero, Avelino Pousa, Néstor Rego e X. M. Abella tamén interviron. Aínda que dous oradores recordaron a García Lorca, faltou dicir con craridade que os dous intelectuais, autor un dos Seis poemas galegos e o seu editor, separados por mil quilómetros foron asasinados o mesmo día 19 de agosto de 1936, polo que se ve que se trataba de asasinatos selectivos programados na máis ardua e preta historia. Tampouco nada se dixo de Pepiño Areosa, inmolado a carón de Casal.