ÉL ERA un Romeo ao que lle gustaba cerrar os bares, un iluso empedernido, un bebedor convulso que lía a Pepe Hierro para olvidar que bebía: Y aquí vivo esperándote, contando días y horas y estaciones. Ela abandonouno porque as mulleres coma ela precisan algo máis que un iluso, que un bebedor empedernido que le a Pepe Hierro. Colleu un avión e marchou escoitando cancións de praia e reggaeton, todas moi feas e moi sen ti, cariño, que me sobras. El, os primeiros días, acabou coa paciencia do seu barman favorito e as súas existencias etílicas. Despois deulle por mirar o mar, que só existía na súa cabeza. Escoitaba coches e pensaba que eran ondas, os ventiladores eran todos o ventilador que ela tiña no seu cuarto, as uñas da madrugada eran as uñas dos dedos dela tocando a súa orella durmida. Non minto se digo que aquel amor era un amor verdadeiro. Tanto que nas noites que oía chorar ao meu amigo, aquelas noites de White Label e tristeza, eu escoitaba as ondas do mar tamén. Daquela case ingreso no cárcere por escándalo, por desobediencia, por desacato. Con brocha e Titanlux dediqueime a escribir poemas nas paredes: Y aquí vivo esperándote, contando días y horas y estaciones. E todo por amor¿ como Romeo.