ERA O último paraíso: unha duna escondida na que ela estendía a toalla para mirar estrelas. Fixábase nunha, especialmente. Dicía que falaban de amor. Contáballe os segredos do seu ventre, os vasos de licor e madrugada, as risas mulatas que compartía co océano. Ela, sen sabelo, levaba aquela estrela nos seus ollos. Por tal motivo, como devotos, todos os que a miraban quedaban posuídos por aquela luz linda. Hai mulleres que teñen estrelas nos ollos. Se ti encontras unha, prégoche que me escribas. Ando tras ela dende que crecín, que foi nunca. Eu cambiaría esta columna por poder mirala. Esta columna, na que vivo, por unha luz que me levase a unha duna escondida. Deitarme alí, con ela. Mirando o ceo para contar soños rotos (os que me romperon, como se fose a miña cara), as esperanzas que non espero, os boleros tristes que xa non me poden namorar. Cambiaría esta columna por mirar unha estrela que bebese comigo os güisquis que me faltan, as barras que habito como un cinseiro, un trapo, unha despedida. Algún día visitarei a duna por ver se ela está aínda alí, observando o ceo. Contemplarei os seus ollos caladamente. E se vexo a luz escribirei unha columna de título altivo: o paraíso. O paraíso, corazón. Por fin.