SÍNTOME galego e non nacionalista. Síntome máis galego ca outra cousa. Levo un apelido que dignifica. Ánxel Casal foi asasinado nun foxo en Cacheiras por galeguista e demócrata. Ten razón Xosé Luis Barreiro: é unha mágoa que non haxa máis pobo para esta terra. Pero tamén penso que o xeito de atoparnos todos, cans de palleiro ou de raza, é o xusto medio. Pódese ser tan galego coma un do Bloque e falar castelán. Claro que é un desastre, froito da imposición do idioma durante anos, pero éche o que hai. O nacionalismo tería moita máis forza neste país se fose menos ista, máis aberto. Se buscase o que nos une e non sinalase coma un insulto o que nos separa. Coñezo moito señorito de cidade que sente tanto Galicia coma calquera rapaz de aldea, Balbino ou non. Galicia non é só as aldeas. Galegos son os que xa naceron e medraron en vilas e cidades. Tamén os novos galegos doutros países. Para autoidentificarse co Pai Miño, non fai falta superar exames. Só hai que ir a un enterro e ver cómo mascamos xuntos, da man, as derrotas. Galicia é imposible de deslocalizar. Non a borra nin a néboa. Galegos somos todos, de cidade, de vilas, de aldeas, bos e xenerosos, sempre, non retortos e cativos. Boa festa. cesar.casal@lavoz.es