Ramiro Isla Couto

OPINIÓN

23 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

A UNIVERSIDADE de Vigo vén de presentar en sociedade a Cátedra Ramiro Isla Couto. Ramiro Isla Couto foi un destacado galeguista que con quince anos, en 1911, emigrou a Buenos Aires onde se formou, na Escola de Comercio, e onde desenvolveu un importante labor na comunidade galega emigrada, animador naqueles pagos das Irmandades da Fala, que inicia na Coruña Antón Villar Ponte en 1916, creador e director da revista Terra , que era unha especie de versión Nós en América, da que foi director literario Eduardo Blanco Amor; colaborador (Ramiro Isla Couto) da revista Céltiga e do xornal A Fouce , da Sociedade Nazonalista Pondal, cofundador do Partido Galeguista en 1931, xa de regreso en Galicia, e exiliado tras da guerra civil, primeiro a Francia, onde actúa como delegado das Sociedades Hispanas Confederadas, e mais tarde a Cuba e México, onde fundou con Carlos Velo e Arturo Souto o grupo e a revista Saudade . A cátedra de estudos Ramiro Isla Couto nace coa vocación de promover a investigación e o espallamento da cultura galega no mundo, entendendo a cultura na súa máis ampla e creativa dimensión: economía, sociedade, relacións internacionais, creación estética e literaria, novas tecnoloxías, etc. Algo ten que ver isto cos artigos que nestas dúas semanas publiquei dando conta da memoria dos galegos en Buenos Aires, algúns dos cales son considerados polos arxentinos como elementos constitutivos da identidade social, política e cultural daquel país. Refírome a Luís Seoane, a Arturo Cuadrado, que morreu alí, ou a Eduardo Blanco Amor, por exemplo, por non falar dos centos de miles de paisanos nosos que co seu esforzo, aínda que sen tanta notoriedade, contribuíron á construcción das novas repúblicas americanas nos séculos XIX e XX. Hai unha Galicia no mundo que é memoria e mesmo presente, e que cómpre saber pular, activar e encarreirar cara o proxecto común da Galicia do noso século, que é unha realidade útil e ilusionante. Ramiro Isla Couto era irmán de Xaime Isla Couto, unha das figuras clave da recuperación da cultura galega despois da guerra civil. Xaime gosta de falar da influencia que o seu irmán maior tivo na formación da consciencia galega da súa xeración. Fáiselle, pois, xustiza á súa memoria.