Utopías

| MIGUEL-ANXO MURADO |

OPINIÓN

ESCRITO EN CAFETERÍAS

13 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

LONDRES NON so é enorme no espacio, tamén é enorme no tempo. E non só na realidade, tamén na ficción; e así superpóñense nun mesmo lugar os estratos do escrito e do sucedido, nesa arqueoloxía que chamamos civilización. Pensaba en Aldgate, un dos lugares das bombas da semana pasada. Old Gate , a Porta Vella. Lembrei, por exemplo, que Chaucer vivira aló durante uns anos, mentres completaba O Parlamento dos tolos . Tamén por alí estaba a casa do personaxe da señora Havisham de Grandes esperanzas de Dickens, e preto, en Moorgate, naceu o poeta Keats. «En ningún lugar houbo tantos mortos como en Aldgate», dicía Daniel Defoe no seu Diario do ano da peste. Referíase á praga de 1722, que levara a duascentas persoas só nesta parroquia de Aldgate. Foi en Tavistok Square, o lugar doutra das bombas, onde Thomas de Quincey escribiu no século XIX as súas Confesións dun opiómano. Cando busquei a súa casa aló hai anos, a zona estaba merodeada de «camellos» e «yonquis», nunha homenaxe indiferente a aquel escritor excéntrico pero grande. O palimpsesto das rúas de Londres é así: un libro magnífico escrito por un autor que ás veces ironiza. Xunto ó lugar dunha das bombas (en Crosby Square) escribiu Tomás Moro a primeira das utopías (precisamente titulada así: Utopía ), e a carón doutra das explosións situou Orwell a última: o seu 1984 (o Ministerio da Verdade estaba preto de Russell Square). Cando os expertos din que os que fixeron isto son rapaces idealistas que cren estar creando unha utopía, a xente incomódase, porque a utopía aínda ten boa prensa entre nós, a pesar do horror en que sempre dexeneran todas: utopías relixiosas, políticas, sociais¿ No mundo que Moro imaxinou todos os cidadáns serían iguais e felices; e tamén no de Orwell: só que no de Moro isto o lograría a fe e no de Orwell a represión. Onte, mentres a policía metropolitana facía un novo esforzo por chegar ata os corpos calcinados e xa soterrados da liña de metro que pasa por Aldgate, era fácil distinguir as siluetas dos personaxes de unha e outra utopía, loitando como figuriñas do teatro de sombras: por un lado os terroristas concienciados, herdeiros islamistas de Moro, decididos a traer a este mundo o paraíso como sexa; polo outro, os funcionarios de Orwell, convencidos de que pode existir unha seguridade perfecta se o deixamos todo nas súas mans; e entre uns e outros, o túnel arrasado onde xacen os inocentes.