NA ANTIGA Grecia os xogos olímpicos xa se celebraban cada catro anos. De feito, a «olimpíada» era sinónimo dun período de catro anos, unha maneira de contar o tempo. Esperar é, pois, tamén algo olímpico. Isto é todo o que se me ocorre dicirlle á cidade de Madrid mentres vexo na Praza de Cibeles descolgar, como se fose o estandarte dun exército vencido, a xigantesca bandeira vermella que pendía do edificio de Correos. Onte descendía a realidade sobre Madrid como un poderoso vento que levaba consigo nun turbillón camisetas, pegatinas, gorras estampadas e discursos. Un pregúntase onde irán parar todos eses obxectos que levan impresa unha data que agora non significa nada, e se existirá un olimpo do merchandising onde se refuxian todas estas cousas, reunidas quizais cos logos das empresas que quebraron, os estudios de mercado que non se cumpriron e os libros de ciencia ficción que se viron sobrepasados e desmentidos polo paso do tempo. Ese lugar debe ser un Hades enorme, unha librería de vello xigantesca, porque o universo das cousas que non sucederon é, por forza, moito maior que o das cousas que si pasaron. É triste, pero o certo é que case tan fascinante como ver a toda unha cidade soñando cun momento concreto do futuro afastado (o ano 2012) é ver a toda unha cidade espertando do soño de golpe, como un somnámbulo ó que lle fan abrir os ollos e que entón descubre con sorpresa o lugar onde se atopa. En Madrid, de repente, a miraxe olímpica disolveuse en fume negro e quedou tan só a obra, a foxa, o martelo hidráulico, a andamiaxe mal montada e o rañaceos ennegrecido. Cae, como un telón de teatro mal colgado, a fantasía olímpica e queda a vista a cidade caótica de locutorios e atascos. Algo lle pasou a esta cidade a principios dos noventa, que ía para gran capital europea e quedou a medio camiño, precisamente como un atleta rezagado. Madrid sigue medrando en poboación e devorando con voracidade ese cinto de campos de batalla da Guerra Civil que a rodea, pero hai tempo que perdeu o paso cunha modernidade da que fala seguido, como unha persoa nerviosa. Madrid é cada vez máis inhabitable: unha incomodidade cara. Xa antes dos terribles atentados do 11 de marzo era Madrid unha cidade ferida e desorientada. E pode que non sexa por todo isto polo que Madrid non lograra clasificarse en Singapur, pero sería unha boa ocasión para pararse e mirar ás gradas.