CANTOU o merlo, e foi canto sostido. Oíase mesmo no San Domingos de Bonaval onde o futuro presidente do Goberno galego daba honra á memoria daquel non nado Estatuto de Autonomía do 36. O merlo saudou que xunto do vindeiro presidente estivera un galego enteiro. A Isaac Díaz Pardo gusta sempre velo, pero mais alí onde un pode entender que el fai por estar. Alí onde o levou o seu traballo e as súas ansias. Foi este 28 día de porvir. Cando para conseguilo compre tamén recuperar asisadamente o pasado. Dende ese pasado, no andar do galeguismo, na reivindicación dunha esquerda enxergada no país, é onde Díaz Pardo, Seoane, e o seu laboratorio de Formas, empezan a ver o froito daqueles seus traballos. Se por aí empeza a andar o novo presidente, e enguedella nelo a un goberno sólido das minorías, haberá futuro. E será cousa menor que nos veña a asombrar o deputado Trillo acudindo ao dereito natural por ver de deslexitimar a quén deben gobernármonos. Pois a democracia é unha construcción humana e non se acorda que fora nas fontes do dereito natural onde se inspirara. Por eso acudir a tal non ven sendo máis que un tento de deturpación da interpretación legal, por aquelo de seren a forza máis votada. O noso ordenamento xurídico, mesmo coma o de outros moitos países, non outorga a ese feito a condición de suficiente. Porque si de natural se tratara parece mais acaído que o voto de cada un teña o mesmo valor, cousa que non sucede, e provoca que aqueles con mais votos acaden menor representación parlamentaria. Cuestións de máis repenique son aquelas que pretenden establecer diferencias insalvabeis entre concepcións políticas. Mais non se preocupen, quen así discursan quedaron prendidos na silveira daquel mundo maniqueo aznariano que decidiu que nacionalismo era tal que terrorismo. E deron nelo coa liña divisoria. Mais si miraran para a historia que tan ben coñecen e malinterpretan, entenderían que o franquismo deu para monstros dabondo, tamén na banda dereita. Mais o andar en democracia -aquelo de que na libertade e o respecto se atopan as persoas- permite que, salvo os dogmas íntimos de cadaquén, todo o demais evoluciona, e mesmo nos leva a algún alicerce común de entendemento. Indo dereitos e polo legal. Duns para outros e viceversa.