A Touriño

La Voz

OPINIÓN

XOSÉ CARLOS CANEIRO | O |

29 jun 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

QUERO un país onde pensar distinto non sexa pecado. Un país menos serio, menos de funeral, menos de listas negras e de listas de paro en avión con destino Canarias. Quero un país para morrer de risa e non de espanto. Un país para criticar e ser criticado (e que non pase nada). Quero un país de xente libre, onde as mulleres poidan deitarse con quen lles pete e non ser consideradas indecisas. Un país con máis osos de peluche e con menos pitas. Quero un país presumido do que eu poida presumir, a gritos. Un país que teña na cultura, e no coñecemento, a súa industria e patrimonio. Quero un país orgulloso, aireado, limpo como un mar sen hilillos de chapapote. Quero un país para recitar poemas nun mencer de lúa. Quero o país das marabillas, de Cunqueiro e Valle Inclán, Otero e Blanco Amor (que era homosexual e morreu pobre: sen bispos que lle botasen unha man, sen manifestacións, sen familia). Quero un país de luz. Un país sen medo, sen medo! Un país encantado de coñecerse, de espertar e abrazarse. Un país de bicos sen factura, de nenos, de pallasos, de bolero. Quero un país para amar e ser amado. Un país sen don, sen submisión, sen caciques en cada esquina. Libertario. Entusiasta. Quero ese país, Emilio.