As nubes non choran

XOSÉ CHAO REGO

OPINIÓN

HAI UNS ANOS comentei aquí o resultado dunhas rogativas dos bispos andaluces para que chovese. Resultado calamitoso, superado pouco despois pola faena encargada ao mesmo Rocío: resultado chover a Deus dar e o prezo, vidas humanas e terreos arrasados. Volvo a esta espiñenta cuestión porque hai unhas semanas, despois de tratar aos homosexuais con menor consideración ca a homínidos, o primate ou arcebispo primado de Toledo -que as dúas posibilidades nos outorga o diccionario-, monseñor Cañizares, despois de anunciar con euforia a súa loita, comunica que a batalla se sitúa nas nubes. Hai que indagar o que solicitaba unha revista: que se nos indique a diferencia destas operacións e as do facedor de chuvias do Zaire. Nun mundo que cultiva a secularidade non entrou a fe. Os eclesiásicos optan polo dogma cunha linguaxe sagrada, non simbólica. O profeta Isaías pide: «Que veña orballo do ceo e que as nubes chovan ao Xusto».