ESTE TÍTULO non é un desexo, un vaticinio nin unha profecía que se poida ou se queira cumplir. É o que marca o tempo. Mesmo aínda no caso -cada vez máis improbabel- de gañar o PP estas eleccións, o delongado periplo político de Manuel Fraga está rematado porque nunca esgotaría o mandato. Muitos serán quen pensen que non foi sen tempo, pois dende que accedeu en 1951 á directiva do Instituto de Cultura Hispánica, nunca se baixou do coche oficial. A certeza de que Fraga non esgotaría o seu mandato en caso de gañar non obedece a suposicións biolóxicas. Tampouco ten que ver con que el diga -que o dí- que quere preparar a sucesión no seu partido dende o poder e nas millores condicións posibeis. Senón porque os poderes do PP e a súa lóxica de supervivencia xa non llo poden permitir. Ata agora precisaron de Fraga ata o límite. Aproveitaron o seu desexo de seguir sendo candidato para mantérense unidos e máis no poder, que son dúas caras da mesma moeda. Agora xa saben que para poderen gobernar no futuro teñen que rachar coa lóxica da era fraguista. Por iso este momento ten ese aire de cambio de Réxime. Éo. Pode mudarse aos que nos gobernaron na Galiza durante os últimos setenta anos. Fraga ten muitos méritos políticos que lle serán recordados. Por exemplo esa recoñecida capacidade de mudar de opinión -para ben-, que permitíu socavar as bases idolóxicas e políticas do franquismo sociolóxico. Aínda que tamén se lembrará que a famosa Transición á democracia e máis a actual Constitución fixéronse a pesar del e das súas ideas. Pois fiel a si mesmo, foi o arquetipo de aperturista do Réxime que nin siquera chegou a reformista. Por iso nunca foi Suárez. Non son dos que pensen que como presidente da Xunta deu prestixio á Autonomía, entre outras cousas porque, podendo facelo, apenas exerceu as competencias posibeis; pero de certo que se quixo rematar aquí a súa carreira política non foi só por ser -e querer ser- galego senón tamén porque Galiza non era unha peza calquera senón unha comunidade autónoma de adecuado rango no parnaso da política tal como el a entende. Mérito do seu país que el soubo recoñecerlle. Hoxe son muitos os que queren botalo . Tamén no seu partido. O asunto non ten ningún misterio. Nos cortes por idades, as sondaxes demostran que hai dúas Galizas: a nacida antes e a nacida despois de 1951. Hai unha ruptura xeracional de enormes proporcións e non pensan do mesmo xeito unha e a outra. Na dos maiores de 55 o predominio do PP é abafante, na dos menores simplemente é un partido dos tres. Nalgúns grupos de idade nin siquera o máis importante dos tres. Hoxe Fraga é como un vello petrucio que segue mandando na casa. Imaxinen unha casa de aldea, desas de familia extensa, na que conviven tres ou catro xeracións. Imaxinen que o que manda segue sendo o avó. Un avó que por muito que comprenda os novos tempos -que os comprende- non está por facer muitos cambios aínda que pode contarse cos aforros que el manexa para algúns amaños. Non está disposto, un supoñer, a mudar a cociña vella por unha desas modernas que fan algunhas empresas galegas. Que digo a cociña, nin a mesa da cociña quere mudar.