REMATA de celebrarse os 60 anos da caída do réxime nazi. O acto central celebrouse en Moscú e serviu pra recoñecer o esforzo que fixo a URSS para salvar ao mundo do réxime totalitario inventado por Hitler. Aquela epopeia custoulle a Rusia decenas de millóns de mortos. Máis dunha vez temos recordado o perigo que correu o mundo se os exércitos de Hitler chegasen a cruzar o Volga e se fixeran co petróleo do Caspio. Non se sabe deica onde podería chegar a dramática tolería do nazismo se unha parte do pobo ruso se sumase á causa nazi como se sumou a checa, a austríaca, a rumana... A batalla de Stalingrado foi apocalíptica. Rusia desangrouse pra evitar o cruce do Volga. Occidente ficou tan agradecido de aquela resistencia que pouco fallou pra canonizar a Stalin. Repetíronse as esceas de agradecemento nas que, nos rexistros gráficos, Churchill e Roosevelt rodean a Stalin en Teherán e en Yalta. Logo, cando o capitalismo voltou ao seu cauce, naturalmente, empezaron a difamar a Stalin e a facerlle a vida imposible á Unión Soviética. Ao final da II Guerra Europea (a URSS medrara a costa de ocupar media Europa) creouse un clímax tentando crear unha situación social máis xusta, e se estudaron varias formas de mellora; unha delas o capitalismo popular na que moitas empresas caeron no ichó e remataron pasando ao capitalismo de sempre, ou fracasaron. (O capitalismo como unha ordenación cooperativa do aforro e da trafego comercial pra satisfacer necesidades e impulsar o crecemento é un ben que hai que agradecelo. Mais a acumulación capitalista que non ten máis fin que acumular riqueza -xeralmente de uns a costa de outros- máis ben é unha rémora para a humanidade). Pois ben: aquela intención socializante que apareceu ao final da Guerra foi desaparecendo detrás do que se chamou guerra fría e axiña a acumulación capitalista foi aparecendo con máis forza que nalgún outro momento, sumada a invencións que lle abrían camiños; a ciencia e a técnica do momento, o consumismo, o automovilismo, a opulencia e outras demagoxias. E burlándose da afán de liberdade do home e do liberalismo, foron creando o neoliberalismo, o libre comercio, a globalización, na que os cartos adquiren libre circulación universal mentres a liberdade de circular se lle nega aos homes. Hoxe o tema dos negocios o domina todo; o mérito que lle atribúen os medios aos homes é o dos negocios. En moitos casos traicionando á propia nación á que pertence o negociante, fabricar onde lle sae máis barato e facer importar á súa propia nación o que el fabricou fóra. Multiplícanse os exemplos, Galiza neste caos económico e comercial é unha víctima en grado superlativo, co sector primario da economía arruinado... Este absurdo ¿poderá ter un bo fin cando a enerxía que procede nun 80% do petróleo e comeza o seu declive entre oferta débil e a crecente demanda? Hoxe inaugúrase en Santiago unha Conferencia Mundial para a Paz, a Solidaridade e o Desenvolvemento. Non son eu o único que pensa que hai que facer unha revolución para rediseñar os camiños e as relacións do home no mundo. Se non hai unha reconsideración de por onde veñen as cousas e por onde poden ir, a Paz será a cada intre máis difícil, a Solidaridade será imposible e o Desenvolvemento só será incrementado na cantidade de lixo que producimos.