GRAVE é cando prevalece a doutrina (moral) sobre a fe. Levo 35 anos colaborando neste xornal: disque máis de 2.000 artigos. Non podo claudicar porque a xerarquía incite aos que, «de forma clara e incisiva» non atacan o matrimonio homosexual. En Sodoma negan hospitalidade a uns forasteiros aos que Lot xa acollera. Queren «coñecelos»; verbo que algunha vez equivale á relación sexual. Aquí seica é cousa de interrogalos. Queda o problema da lei natural, dos estoicos, hoxe sen creto ningún. Os bispos invocan a Ulpiano: «Natural é o que a natureza ensina a todos os animais». Pero moitos irracionais manteñen relacións homosexuais. Ao abeiro dunha encíclica, o Catecismo abandona o «naturalismo estoico». O Maxisterio eclesiástico acode ao «racionalista» Cicerón. Por vez primeira é citado en escritos do Maxisterio un autor pagán. A pesar disto, seguen apoiando o estoicismo e forzando conciencias quizais ata o de agora tranquilas.