Señor director: Cando algo sae nos medios de comunicación é interpretado por todos, cada un facémolo desde o noso ángulo. Saeu á luz a existencia dun manifesto político a través dun incidente penoso, unha persoa acusábame de cousas feas. É normal que un analista especializado nas diverxencias e converxencias entre partidos políticos detecte aí leas de familias políticas. Seguramente tamén un comentarista deportivo vería aí unha semellanza coa loita polo campionato de liga. Todas as interpretacións son lícitas, posibeis e mesmo encerran unha parte de verdade. Mais tamén ás veces a vida é máis simple, como foi neste caso: trátase dun incidente entre dúas persoas, podería ter aclarado en privado, pero saiu aos medios. Unha persoa atribuiume a min mala fe e engano, e máis nada. É un asunto de percepcións e xuízos de inteción entre persoas, dase continuamente na vida social e non creo que haxa outra dimensión política. Un problema entre esa persoa e eu, simplemente. Últimamente fíxéronme visíbel de máis e sempre vai haber quen interprete o que diga ou faga con especial atención, buscándolle intencións diversas. Ás veces a vida é máis simple do que imaxinamos, mesmo as persoas non somos nin tan mesquiñas nin tan maquiavélicas nin complicadas. E polo demais hai xente bastante que vivimos neste país e que cremos que precisa, precisamos, cambiar de época política, cremos que é o mellor para o país, e por iso facemos o que sabemos para que se dea ese cambio político. E entre nós pasa como pasa en todos os ámbitos da vida, hai de todo, e tamén hai miserias. Mais as nosas miserias deberan darse por sabidas e supostas, o que pedimos é que se atenda ao contido dun manifesto que naceu dunha preocupación sincera compartida por persoas diversas e apoiado e redactado por colectivos sociais. Iso é o importante, os que cren que todo debe seguir así farán os posibeis por que sigamos así, e os que cren que debe cambiar pois lexítimamente tamén farán os posibeis para que haxa un cambio político. O importante é que se traballe con sentido de unidade e colaboración. O importante é a reflexión que fai o manifesto, o resto é díxome díxome. Lembremos que se nos sinalan a lúa na vez de ollar tanto para o dedo podemos ollar a lúa. E grazas por publicar estas liñas.