Pingar antes de asar

| LOURENZO FERNÁNDEZ PRIETO |

OPINIÓN

02 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

NAS ELECCIÓNS que veñen, todos están obrigados a gañar. Abofé que as armas que se empregarán serán dignas do combate. Non andaba descamiñado Manolo Guede cando escolleu o Ricardo III de Shakespeare para esta tempada do C.D.G. Atinaron na belicosa posta en escena, atinan os actores e as actrices da obra -magníficos Pico, Pernas, todas- pero, sobre todo, atinaron co momento para representala. Se alguén quere saber como vai ser a vindeira campaña electoral que refresque a memoria coa obra recén estreada na que o autor deixou contada a forma máis universal da crueldade humana na procura do poder, sobre o fondo da histórica guerra das dúas rosas na Inglaterra baixomedieval. Ademais a obra acaba ben: os mortos que Ricardo matou na súa longa vida gozan de boa saúde e aparécenselle para dicirlle aquilo de «mañá na batalla pensa en min». Era a batalla de Bosworth en 1485. Hai 520 anos non había eleccións e o autocrático Ricardo perde a vida berrando aqueloutro de «o meu reino por un cabalo». Xenial Shakespeare, universal teatro galego. Nestas eleccións todos están empeñados en gañar e a todos vailles a vida en poder facelo E cunha miga de fortuna, na noite electoral todos gañarán. Pero iso só pasará no caso de que perda o PP. Digo ben. Porque se perde será por tan pouco que poderán consideralo un éxito despois do Prestige , de Nunca Máis, das vacas tolas, do talante de Zapatero e dunha campaña (electoral non bélica) feita contra o tempo. Mesmo pode que o partido fique unido despois da derrota e poida volver ao goberno como un partido que soubo estar na oposición. Porque non pode gobernarse en democracia sen ter estado na oposición. Aínda que non ten cómodo gañar, non será doado que perda o PP. A súa maior fotaleza véxoa na confianza da oposición, pois o risco da oposición é o de pingar antes de asar. Confianza a xusta para animarse pero pasarse pode ser suicida. Algo diso vese no PSOE porque o BNG non parece aínda sobrado de entusiasmos. O perigo do exceso de confianza no PSOE é tan evidente que ata Francisco Vázquez o expresou na versión esa do oso que tiña unha pel codiciada que alguén vendeu antes de tempo. Vese perigo na ufanía socialista que os leva a repartir, non xa Consellerías senón mesmo as conserxerías, sen coñecer os resultados nin saber cantas nin cales. A fortaleza popular foi polo de agora inexpugnabel e aséntase en sólidas bases. Non só nin especialmente as da Galiza rural, porque gaña tamén na urbana. Tampouco é certo que enganen aos votantes porque os votantes non son fatos e ademais niso teñen que competir cos demais partidos. O seu lema de campaña deume muito que pensar. Non sei cal é aínda o do PSOE, o do BNG, un país novo , arrecende ao cambio que a outros lles cheira. Pero o do Partido Popular, ese elocuente Máis, é toda unha declaración de intencións, por non dicir de guerra. Máis tempo, máis do mesmo. Enfróntase directamente ao Nunca máis, con tanto ardor guerreiro que da arrepíos. Fronte á confianza da oposición en que desta vai o cambio, o lema da dereita ecoa outro dito popular dirixido á oposición: «Desamasa que caeu o forno».