UNHA librería galega en Barcelona serviu de marco pra celebrar e coordinar o día dos nosos libros. Eu tiven que ir aló pra colaborar na presentación dos dous últimos libros de Fernando Salgado sobre Lorenzo Varela. Ao día seguinte Xosé Manuel Beiras e Carod Rovira estiveron na presentación do libro A Estrela na Palabra , de Francisco Pillado e Fernán Vello, o que dou lugar a que pola actualidade dos personaxes presentes o local resultara insuficiente pra tanta xente que quixo escoitalos, ou simplemente velos. Coincidiu ese día a festa do FAD (Fomento das Artes Decorativas), creada no 1903 e que lle serviu aos deseñadores cataláns para se opoñer ás pretensións do réxime franquista que os quería incorporar á Vicesecretaría de Ordenación Económica da Organización Sindical. Así os deseñadores industriais cataláns crearon unha división dentro do FAD que se divulgou como ADI/FAD que acadou un gran prestixio en toda España e que foi recoñecida polo ICSID (Internacional Council of Societies of Industrial Design). O FAD dispón hoxe dunhas excepcionais instalacións no gran convento de Les Angeles que lle cedeu o Concello de Barcelona. E para non perder tempo ese día celebraron a asamblea de socios, nomearon a nova directiva, celebraron o acto no que fixeron entrega das medallas coas que premiaban labores persoais e institucionais, no que Galiza non estivo ausente, e finalmente celebraron unha festa. Ese día correspondíalle cesar estatutariamente na presidencia do FAD ao arquitecto, e outras moitas cousas, Juli Capella. Este amigo noso ten un gran recoñecemento en Catalunya e na Italia. A súa filosofía deseñística vai máis aló do seu saber arquitectónico e de outras moitas cousas industriais, pois chega ao ámbito da política, non de partido, e se atreve a dicir que o deseño salvará o mundo, cousa na que eu estou totalmente de acordo se nos decidimos a baixarnos do carro do neoliberalismo e esas outras trapalladas inventadas polos insaciables de acumular a riqueza de eles, e que apoiados en principios demagóxicos manteñen este estado da opulencia, que vai durar tres días... Sobrounos tempo en Barcelona, aínda que un pouco apretados pra lle botar un ollo ao panorama cultural e artístico catalán. Estivemos primeiro no MACBA (Museu d`Art Contemporani de Barcelona) onde, entre outras exposicións hai unha exhaustiva de DESACORDOS sobre, arte, políticas y esfera pública en el Estado español , onde tivemos a enorme satisfacción que unha gran parede estaba ocupada polas 12 estampas de 1x1 metro cada unha do cómic de Reymundo Patiño O home que falaba vegliota , pra min plasticamente o millor da exposición. Foi unha satisfacción ver que Galiza non estaba ausente neste evento. Na Fundación Tapies poidemos ver unha exposición do peruano Fernando Bryce sobre o pasado: a Guerra Civil española e a revolución cubana, rescatando documentos silenciados ou marxinados pola historia oficial. Na Fundación Miró unha gran exposición recolle a obra do arquitecto Lluis Sert, que fixo a casi totalidade dela no exilio. Destacando polo seu valor histórico, o pabellón que montou a República española en París no ano 1937, no que entre outras obras mestras figurou expresamente para esta mostra o Guernica de Picasso. Vimos tamén La Caixa Forum ao pé do Montjuic unha vella fábrica convertida en museo restaurada coa colaboura do japonés Arata Suzuki. Conservar a tradición e estar na vangarda das ideas, recuperar a memoria que nos prohibiron está presente nas principais institucións da cultura e da arte de Catalunya.