Tortura e verdade

| X. L. FRANCO GRANDE |

OPINIÓN

NUN EXCEPCIONAL libro, Torture and Truth, debuxa Mark Danner, ao longo de case seiscentas páxinas, un cadro moi fundado, cunha extraordinaria documentación de primeira man, dunha das peores vergonzas do noso tempo: a tortura na guerra contra o terror, da que cada día imos sabendo máis. Tamén a tortura, coma case todo, se perfeccionou e foi poñendo ao día. Tanto que Hitler e os seus, ou Stalin e algúns outros, terían moito que aprender no libro de Danner. En certa maneira, estes poderían aparecer hoxe como aprendices dos torturadores de Guatánamo ou Abu Ghraib, entre outros. Pode que, amais diso, haxa outra cousa nova neste libro: que hoxe a tortura é coñecida, consentida e supervisada no cumio do poder. Penso que nin Hitler nin Stalin se preocuparon dos procedementos e razóns da tortura na súa aplicación concreta. Pero hoxe si é preocupación do cumio do poder imperial. E a esquerda, desnortada e á toa, garda silencio. Un silencio que, para min, só é complicidade. De complicidade e de nugalla.