Nenos gordos

OPINIÓN

HAI ANOS, nun coloquio sobre teatro preguntáronlle a Francisco Nieva se tivera unha infancia feliz. Dixo que non, fixo unha pequena pausa e engadiu: «Eu fun un neno gordo». Un neno corcovado, un neno coxo podía despertar compasión. Un neno gordo, non. O neno gordo foi sempre obxeto de burlas por parte dos compañeiros. Estaba gordo porque comía en exceso, ou sexa, pola súa culpa, e tiña ben merecido que se burlasen del e que ás nenas non lles gustase. Durante moito tempo a gordura infantil tratouse como un problema psicolóxico con manifestacións estéticas, ou ben, dándolle a volta, como unha cuestión estética que acababa producindo problemas psicolóxicos. O que a maioría dos psicólogos pensaban ao ver un neno gordo era que tiña algún problema que o levaba a procurarse satisfaccións comendo, sobre todo lamberetadas. O exceso de inxesta producía a gordura que o convertía en obxecto de burla, o cal, á súa vez, aumentaba os seus problemas, e con eles a necesidade de procurarse satisfaccións coa comida. Un círculo vicioso que había que atallar indo á raíz do problema: as relacións cos pais, cos profesores, cos compañeiros, etcétera. Polos tempos nos que eu estudiei Psicoloxía non se falaba da mala alimentación como causa da obesidade infantil. A comida-lixo ou a fast-food aínda non se coñecían. Hoxe, polo contrario, considérase a causa principal, e combátese con información sobre dietas equilibradas e facilitando o acceso á comida san. Por exemplo, nalgúns centros hai xa máquinas nas que o alumnado pode mercar no recreo froitas frescas. Antes cando viamos un neno gordo pensabamos en arranxarlle os problemas psíquicos; hoxe pensamos na maneira de reducir a súa inxesta de grasas polisaturadas e o subsecuente colesterol. Dende logo que esta campaña en pro da comida san axudará a disminuir a actual e crecente obesidade infantil, pero un neno gordo será sempre un neno gordo: ou sexa, un ser desgraciado, que necesita axuda psicolóxica, agarimo e comprensión.