NON SEI por que se queixan os nostálxicos do Franquismo cando quitan estatuas ecuestres de Franco, como por exemplo esta da Praza de San Juan de la Cruz en Madrid. Non sei por que se queixan, digo, porque, en realidade, esas estatuas foron sempre un elemento no discurso antifranquista, ou dito en palabras simples: foron sempre un cachondeo. Concretamente, só servían para facer o chiste de todas as estatuas ecuestres: «Mira, un burro montado nun cabalo». Pasa con todas as estatuas: Ennegrecidas polo fume dos coches, masacradas polas pombas e agredidas polas pintadas tanto de índole política como recreativa, a maior parte non se sabe ben se son homenaxes ós próceres que representan ou bromas que se gastan á súas costas. Unhas veces conxélanos nunha postura ridícula, como lle fixeron ó almirante Don Casto Méndez Núñez na Alameda de Santiago, inmortalizado para sempre nesa pose digamos que pouco marcial. Outras veces, en cambio, pécase dun realismo excesivo e pouco favorecedor, como no caso desa estatua de Millán Astray que hai nos xardíns de Coruña e que moitos turistas cren víctima do vandalismo, sen que ninguén lles explique que en realidade el era así. Moitas veces, o rostro do persoeiro é xa tan descoñecido para as novas xeracións que acaban por tomalo por outro, como lle pasa ó Montero Ríos que hai na Praza de Mazarelos de Santiago, ó que case que todos os rapaces, que non saben quen foi, chaman «o Iustitia Sapientia » (esas son as palabras latinas que o escultor puxo no pedestal). En casos coma este, a estatua do grande home acaba sendo mais grande que o grande home e, máis que para lembralo, sirve para constatar o seu esquecemento. Así vemos esas estatuas que hai por todas partes, figuras fantasmagóricas de individuos que deberon ser importantes algunha vez pero que son agora completamente ignotos e seguen aí nos parques, expostos publicamente como un interrogante embarazoso para os pais que pasean cos seus fillos pequenos que preguntan. E aínda así, os nostálxicos do Franquismo van e quéixanse de que quiten esta penúltima estatua ecuestre do Caudillo. Non se decatan de que ese é o problema de erixir estatuas: que se dá a oportunidade á posteridade de retiralas. E isto é o que lle ven de pasar á de Franco: retirada pola grúa, como se se tratase dun coche que levaba mal aparcado demasiado tempo.